Monte Alto proxecta este xoves o documental de ADEGA sobre medio século de loita ecoloxista

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) leva este xoves, 26 de febreiro, ao barrio de Monte Alto o documental 'A Terra por gañar', unha peza que percorre a traxectoria do ecoloxismo galego a través da historia da propia entidade, fundada en 1974.
A proxección terá lugar ás 19.30 h na Asociación Veciñal das Atochas, situada no Parque de Marte, e a asistencia será de balde. Unha vez rematado o pase, a cita completarase cun coloquio no que participará o presidente de ADEGA, Manuel Soto.
A actividade forma parte dun ciclo de sesións impulsado pola delegación coruñesa da organización en diferentes espazos da cidade. As próximas datas xa programadas son o mércores 8 de abril, ás 19.00 h, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda e o luns 4 de maio, ás 19.00 h, no Fórum Metropolitano.
Con 55 minutos de duración e en galego, 'A Terra por gañar' (2025) está dirixido por Roberto Conde, con fotografía e montaxe de Olmo Couto e produción de ADEGA e Ouvirmos. O filme propón unha ollada ás agresións ambientais acumuladas desde a industrialización e a un presente no que os conflitos locais se conectan con retos globais.