Monte Alto acolle a campaña “Merca no teu comercio” para dinamizar o comercio local da Coruña

ACoruñaXa
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou a Rúa da Torre para conversar cos negocios participantes
bono-comercio-corunha
9 Jul 2025

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou a Rúa da Torre, no barrio coruñés de Monte Alto, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, e por Francisco Javier Mosquera Vázquez, membro da Federación de Comercio da provincia. O percorrido tivo como obxectivo coñecer de primeira man a marcha da campaña “Merca no teu comercio” e conversar cos responsables dos negocios participantes.

Do Campo puxo en valor esta iniciativa da Xunta de Galicia, que conta coa colaboración das Federacións Provinciais de Comercio e que ten como finalidade “estimular a demanda e poñer en valor o comercio local en barrios e en concellos rurais”.

A campaña está a desenvolverse nas catro provincias galegas cun total de 10 accións por provincia, cada unha cunha duración de 15 días e cun sorteo final de premios. Na cidade da Coruña, as accións teñen lugar entre o 1 e o 15 de xullo, e o sorteo celebrarase o día 16 no Campo da Leña.

Os consumidores que desexen participar deben rexistrar as súas compras na web www.mercanoteucomercio.com, ou poden facelo tamén a través dos propios comerciantes. Esta última opción “duplica a participación do consumidor e incrementa as posibilidades de gañar unha das 20 tarxetas prepago por valor de 50 euros” que se sortearán en cada campaña e que poderán ser canxeadas nos comercios locais ata o 31 de decembro.

Nesta edición, a principal novidade é a expansión da campaña máis alá das grandes cidades. Segundo indicou a delegada, esta contará con actos de entrega de premios en 40 localidades distintas, implicando a máis de 60 asociacións de comerciantes e beneficiando a negocios e veciñanza de 80 concellos.

A representante da Xunta salientou “a importancia de accións coma esta para impulsar a actividade comercial e asegurar o mantemento dos negocios promovendo a remuda xeracional”. Engadiu que o futuro Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, actualmente en deseño xunto co sector, afondará “na importancia deste tipo de actividades para visibilizar este sector clave na xeración de riqueza e emprego e na fixación de poboación na Galicia non urbana”.

 

⚙ Configurar cookies
0.18344402313232