Monte Alto a 100 impóñese no concurso de comparsas de música e letra do Antroido

O Antroido da Coruña botou a andar este sábado no Palacio da Ópera co tradicional concurso de comparsas na modalidade de música e letra. A comparsa Monte Alto a 100 fíxose co primeiro premio, mentres que Pantaleón acadou o segundo e Os Maracos o terceiro, nunha tarde na que o público volveu encher o auditorio para unha das citas máis simbólicas do calendario festivo coruñés.
O acto estivo conducido, por un ano máis, polo humorista David Amor e contou coa participación de oito agrupacións. Pasaron polo escenario Amigos da Xoldra, Malandros, Melandrainas, Monte Alto a 100, Os Maracos e Pantaleón, ademais de Badabum Sorpresa e Os Kilomberos de Monte Alto, estas dúas últimas fóra de concurso.
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu o xurado e puxo en valor ‘a calidade, talento e inxenio’ das comparsas participantes, resaltando que o espírito do Antroido se ve reflectido en iniciativas culturais impulsadas por veciñas e veciños que manteñen vivo este patrimonio festivo da cidade. Xunto á rexedora, o xurado estivo formado por Ana Canosa (IMCE) como secretaria e, como vogais, Laura Seoane (directora do IMCE), Juan Miguel Romero Llopis (director da Banda Municipal de Música), Elena Umbría (directora da Escola Municipal de Música) e a xornalista Lara Fernández (El Ideal Gallego).
Como gañadora do certame, Monte Alto a 100 interpretará en directo as dúas cancións presentadas no concurso durante o acto de entronización do deus Momo, previsto para o venres 13 de febreiro no Campo da Leña, ás 21.00 horas.
En paralelo, o Antroido estenderase aos barrios con programación infantil nos centros cívicos entre o 13 e o 16 de febreiro. Haberá obradoiros de máscaras, caretas e accesorios, ademais de festas de disfraces con xogos e monitores/as para nenos e nenas de 4 a 12 anos. As inscricións para participar continúan abertas ata o mércores 11 nas conserxerías dos propios centros.