Mónica da Asociación de Veciños de Eirís: "Non somos conscientes das consecuencias das obras do CHUAC"
Miriam García
O barrio de Eirís, situado na cidade da Coruña, destaca por ser unha das poucas áreas onde a natureza, a tradición e a modernidade conviven en perfecta harmonía. É unha zona pouco poboada, onde predominan as vivendas unifamiliares e os espazos abertos, pero tamén se poden atopar bloques de edificios na zona da Canteira de Eirís e no novo barrio de Xuxán.
Ubicado nun outeiro alto ao sueste da cidade, entre os barrios do Castrillón, de Elviña e de Palavea, Eirís ofrece aos seus habitantes unha combinación única de tranquilidade e vitalidade urbana. Falamos sobre o seu pasado, presente e futuro, coa inminente ampliación do CHUAC, con Mónica Díaz, presidenta da Asociación de Veciños “Uxío Carré” que traballa dende finais dos anos 80 por mellorar as condicións do barrio e dos seus habitantes. Ademais de organizar cada ano a Festa da Fresa durante o verán e participar na organización da festa Do día da Familia.
-Como naceu a Asociación?
A Asociación naceu a finais dos anos 80 coa finalidade de conseguir que o Concello da Coruña púxese o sistema de sumidoiros no barrio. Aínda que na zona de O Foxo, que é a que esta detrás do Colexio dos Maristas, se conseguiu poñer por fin fai tres anos. Esa razón foi precisamente a que me fixo tomar a decisión de ser Presidenta da asociación: conseguir que en pleno século XXI tivésemos por todo o barrio sistema de sumidoiros.
-Como é o barrio de Eirís?
Nel conviven dous mundos distintos: o das familias de Eirís de toda a vida, que viven en casas e forman unha comunidade moi unida; e o das persoas que chegaron fai uns anos e viven en edificios, sen establecer raíces profundas. A pesar das diferenzas, o barrio está sempre aberto a recibir a novos residentes, como a aqueles que deciden mudarse a Eirís pola súa atmosfera agradable.
-Cal é o seu potencial e atractivo?
Sen dúbida que é un barrio moi tranquilo. Apenas temos delincuencia e non hai apenas ruído na calle nin tampouco moito tráfico. Por exemplo, se comparas Eirís co barrio de Juan Florez a diferenza é abismal. É unha zona rural que está dentro da cidade da Coruña.
-Que se pode facer para mellorar o barrio?
Algunhas áreas do barrio están densamente cubertas de vexetación ao longo dos camiños e precisan dunha limpeza por parte do Concello, especialmente en zonas sen beirarrúas onde os varredores non poden traballar. Por exemplo, diante do Colexio de Eirís, a parada de autobús está rodeada de maleza, obrigando aos peóns a transitar preto da beira da estrada para evitar as ortigas, o que supón un perigo, especialmente para as familias con nenos pequenos.
-Como está comunicado a nivel de transportes?
Só temos unha liña de bus, a do 1A, que segundo o Concello, pasa cunha frecuencia de 23 minutos, pero a realidade é que en hora punta o autobús pasa cada 27 ou 40 minutos. Ademais, dende a pandemia quitaronlle os autobuses dobres e cando vén no sentido de volta, dende o centro da cidade, sempre está a rebentar de xente. E claro, non todo o mundo cabe nel e ten que agardar ao seguinte autobús.
Como consecuencia, o número de usuarios da liña 1A baixou case un terzo debido ás frecuencias de paso e á escasa capacidade dos autobuses. A Compañía de Tranvías informou que non pode mellorar a frecuencia do servizo, polo que dende a asociación solicitamos o retorno dos autobuses dobre para aumentar a capacidade de transporte. Ademais, estamos atentos á posible modificación do percorrido para incluír o novo barrio de Xuxán, o que pode levar á perda do servizo na nosa parada debido ás condicións actuais.
-Como van afectar as obras do novo CHUAC ao barrio?
É algo que nos afectará considerablemente durante moitos anos. Penso que a maioría da xente non é consciente da cantidade de coches que de súpeto circularán polo barrio, estamos a falar dunha cifra aproximada de 5000 coches todos os días. Porque van pechar o Centro de Especialidades do Ventorrillo, o Hospital Materno Infantil e o Hospital Oncolóxico, e todos os seus servizos van vir ao CHUAC.
Ademais, non se sabe cantos anos durarán as obras, pero van causar molestias acústicas barrenando pedra e poñendo desvíos para os coches que se dirixan ao hospital, xa que van tirar a vía que pasa pola Avenida da Pasaxe para construír unha rotonda en altura. Durante ese tempo de obra, que será considerable, todo o tráfico desviarse cara a Eirís. Ademais, no propio parque de Eirís van construír outro vial elevado para o tráfico que nos vai a estropear o parque.
Así, non creemos que seguir traballando en reformar un hospital que está vello sexa a mellor solución porque tamén vai a traer problemas na calidade de atención sanitaria e a nivel comunicación pola ubicación. O mellor sería construír un hospital novo noutro espazo da cidade como nos exteriores da Antiga Fábrica de Armas cerca de onde está agora a Cidade das TIC.
-Tamén está o tema de que van a expropiar terreos a xente para ampliar o CHUAC.
Os veciños están en incerteza sobre a compensación económica polos seus terreos e casas, e se será suficiente para adquirir unha nova vivenda noutra zona da cidade. Ademais está xente coñecía lendo os xornais que a súas casas podían ser tiradas, pero ata fai pouco ninguén se atreveu a dicirlles á cara que as súas vivendas estaban dentro do proxecto do novo hospital. E iso pasou porque todo era de palabra e non había nada oficial establecido ata fai pouco. Nós dende a asociación o denunciamos no xulgado , que nos deu a razón, sen embargo a Xunta recorreu á demanda e non sabemos o que vai a pasar.
-Como se esta xestionando o novo campo de fútbol de Eirís?
O campo leva sobre un mes en funcionamento despois da reforma. Pola información que teño directa do S.D Eirís, o equipo de fútbol do barrio, o Concello non lles está poñendo as cousas fáciles para poder adestrar nel. E claro, no acordo inicial escrito da obra, asinado polo alcalde da cidade naquel momento, era que cando o campo se arreglase eles ían a contar cun local como oficina e dispoñer do campo como propio. Pero iso, non terminou por ser así. Agora mesmo hai un local valeiro nas instalacións do campo, pero dende o Concello planean deixalo como un local de aluguer para reunións, o que dista moito do que se prometeu nun principio.