Mondra, Sila Lua, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo únense ao Atlantic Pride 2024

ACoruñaXa
A nova escena musical galega convértese en protagonista do festival que desenvolverá a súa quinta edición na Coruña do 7 ao 14 de xullo
Mondra presentará FOLĪA das ARDENTES na Coruña ( Zeltia Iglesias)
20 Feb 2024

O Atlantic Pride 2024 suma a nova escena musical galega Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo ao programa do festival, que desenvolverá a súa quinta edición na Coruña do 7 ao 14 de xullo. No seu cartel, ademais destes novos nomes anunciados, está tamén confirmada a presencia das estrelas eurovisivas Rosa López, Las Ketchup, Lucía Pérez e Nebulossa, o dúo de electropop formado por María Bas e Mark Dasousa, que representará a España no Festival da Canción de Eurovisión este 2024 co seu tema 'Zorra'.

Deste xeito, o Atlantic Pride será testemuño este verán da 'FOLĪA das ARDENTES' de Mondra, unha experiencia musical, visual e performativa en diálogo coa música tradicional galega; unha proposta íntima e irreverente a un tempo, da man dunha das voces máis celebradas da escena musical actual e o seu relato de resistencia e celebración.

Os Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina bailarán tamén ao ritmo de Sila Lua e o seu singular son, una mestura libre de xéneros a medio camiño entre a música urbana de fala hispana e a electrónica experimental europea. Pola súa banda, O Rabelo e Nenaza convidarán o público a non deixar de bailar coa súa proposta conxunta, que mestura a música tradicional galega con ritmos como o reguetón, o tecno, o neoperreo e o funk favela.

Pola súa banda, Catuxa Salom dará boa conta da súa experimentación coa música tradicional galega, os ritmos latinos e as bases electrónicas, mentres que Lontreira, de novo viaxando da electrónica á música tradicional, sorprenderá cun caleidoscopio estilístico de sons variados, que van do spoken-word ao dream-pop ou mesmo do tecno-folk a un vangardista reguetón. Finalmente, a efervescencia de Amoebo converterá o Atlantic Pride nunha auténtica verbena galega de sons urbanos contemporáneos, bailes desmedidos, humor e moita diversión.

 

 

0.18019700050354