Miriam Beizana Vigo, autora "Na Coruña temos grandes voces con moito que dicir"

ACoruñaXa
A galega, que ven de publicar a novela "A soidade das nenas", defende firmemente que "a literatura xuvenil axuda a construír o noso ser adulto e que moitas desas novelas son máis intelixentes que algunhas dirixidas aos adultos"
A escritora Miriam Beizana na presentación da súa novela na Librería Berbiriana da Coruña
A escritora Miriam Beizana na presentación da súa novela na Librería Berbiriana da Coruña
22 abr 2024

Miriam García

Miriam Beizana Vigo leva toda a vida namorada das artes. Nacida en Carballo, pero afincada en Arteixo dende hai uns anos, decidiu plasmar as súas vivencias e sentimentos a través das palabras. O resultado deu lugar a diferentes libros e relatos, moitos deles dirixidos ao público xuvenil, nos que se abordan temas como a amizade, o amor LGTBI, as relacións familiares, entre outros, que alivian as inquedanzas dos mozos e mozas galegos. A súa última obra, a novela 'A soidade das Nenas', foi publicada pola Editorial Xerais o pasado 7 de marzo.

-Que se poden atopar os lectores en  ‘A soidade das nenas’?

É un libro no que os sentimentos das súas protagonistas xogan un papel moi importante. ‘A soidade das nenas’ trata sobre a forma de sentir a través dunhas vivencias que son bastante intensas e tráxicas. Ten unha trama moi diferente ao que se adoita publicar e cun toque persoal do tipo de literatura que me gusta escribir.

-Cal é o ingrediente fundamental nas túas novelas?

Diría que o meu ingrediente fundamental é introducir nas miñas novelas vivencias persoais. Creo que é o que máis me move a escribir este tipo de historias, non son historias biográficas, pero si sinto nelas unha necesidade de sacar de min certas vivencias que teño e sentimentos para plasmalos nas miñas novelas.

-‘A soidade das nenas’ fala dun amor homosexual. É o momento de explorar o universo literario LGTBI en galego?

Si, de feito, me sorprende que en galego non haxa tantas historias deste tipo de relacións sentimentais publicadas. Pasoume que cando enviaba o manuscrito a algunhas editoriais, me preguntaban moito por que había elixido dar representación LGTBI no libro, e a verdade é que me chocaba bastante porque no mundo da edición en castelán esta temática está moitísimo máis estendida e xa non chama a atención de ningún xeito cando chega un novo libro sobre ela.  Así que si, penso que é o momento para dar visibilidade á diversidade porque é unha materia moi pendente na literatura galega.

-Existe un tópico en torno a que que as mulleres soamente escriben e len romántica?

Hai un tópico bastante estendido de catalogar as novelas escritas por mulleres como románticas, pero a verdade é que case todas as novelas de calquera ámbito teñen historias de amor, incluso as escritas por homes. Penso que catalogar unha novela de romántica é algo que se queda un pouco curto porque cando as les teñen moitos máis ingredientes que o romance, como por exemplo, loita social e análise política. Sempre houbo moito estigma coas mulleres que escribían e aínda quedan anos de traballo para que o deixe de haber.

-Como se atopa o panorama actual de novelas xuvenís galegas?

Estase a realizar un traballo moi importante e o panorama xuvenil galego está a vivir un novo renacemento. Cando era adolescente, a oferta literaria en galego era bastante limitada e parecía que todas as novelas seguían o mesmo patrón: historias do rural, relatos das avoas, narrativas sobre a guerra... todo iso resultaba algo aburrido desde a perspectiva dunha rapaza de 16 anos con outras inquedanzas. Sen embargo, agora as cousas están a cambiar e, en parte, creo que isto débese á aparición de editoriais máis pequenas que animaron ás grandes a modernizarse en canto ás temáticas das súas obras, para conectar cos xóvenes.

- Escribir novela romántica xuvenil está mal visto?

Hai bastante estigma ao redor disto, como se escribir para a mocidade fose simplemente para entreter, sen profundidade. Esta perspectiva é moi equivocada, porque creo firmemente que a literatura xuvenil axuda a construír o noso ser adulto e moitas desas novelas son máis intelixentes dalgunhas das que len os adultos.

- Como se vos ve aos autores galegos que escribides en lingua galega?

Supoño que depende un pouco do ámbito. Por exemplo, entre as miñas amizades, parece que te tratan como se estiveses a cometer un acto de fe. Digamos que escribir en galego se considera un acto menor, non é como escribir en castelán. En cambio, dentro do sector no que son galegofalantes ou no que len en galego, si percibo que teño máis poder para eles.

-Como foi introducirse no mercado literario en galego?

A verdade é que foi moito máis sinxelo que cando tentei facelo en castelán con outras novelas, porque coñeces o entorno literario galego. O maior obstáculo ao que podes enfrontarte son os estigmas que poden rodear a escrita en galego, pois é sorprendente que haxa moita xente que fala galego, pero non le en galego.

Creo que o galego se coida moito máis nas vilas pequenas que nas grandes cidades, como é A Coruña. Cando fago eventos en vilas pequenas teñen moito máis alcance e éxito que nas grandes urbes.

- Existe canteira literaria na comarca da Coruña?

Si, hai bastante canteira. Hai nomes que están saíndo cada día e temos grandes voces que teñen moito que dicir. Agardo que se lles siga dando visibilidade e voz sobre todo ás novas xeracións que veñen.

-Que autoras ou autores galegos che inspiran?

A miña autora de referencia é Berta Dávila, natural de Santiago de Compostela. Sinto unha grande proximidade con ela, pois temos a mesma idade, e considero que foi unha das autoras que contribuíu a xerar un cambio na literatura galega pola súa forma tan orixinal de retratar a vida. Ademais, hai unha rapaza nova chamada Sica Romero que tamén creo que é unha das voces máis potentes que emerxeron na literatura galega nos últimos tempos.