Miño vive unha noite de deporte e recoñecementos na cuarta edición dos seus premios

O Concello de Miño celebrou este venres no auditorio do centro social da Rúa a cuarta edición dos Premios do Deporte, unha gala que reuniu a unha ampla representación do tecido deportivo local para recoñecer o traballo, a constancia e os resultados acadados durante a tempada 2024-2025.
O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, destacou durante o acto que os premiados son ‘moito máis que gañadores’, ao representar valores como o esforzo, a superación e a capacidade de inspirar á comunidade. Na mesma liña, o concelleiro de Deportes, José Manuel Pantín, subliñou que o deporte ‘non só dá vitorias’, senón tamén aprendizaxes esenciais para a vida, e comprometeu o apoio municipal a clubs e deportistas.
Entre os galardóns entregados, o premio ao equipo masculino foi para o AD Miño Senior A (fútbol) pola súa campaña en Preferente, mentres que o recoñecemento ao equipo feminino recaeu no CDN Miño de Kayak de Mar (piragüismo) polo seu sétimo posto na Liga Galega. O título de deportista promesa foi para Xoel Siso de Andrés (judo), quinto na Copa de España.
No apartado individual, o premio a deportista masculino foi para Juan Vázquez Amado (triatlón) pola súa participación no Campionato do Mundo, e o de deportista feminina para Estefanía Fernández González (piragüismo), proclamada campioa do mundo. A distinción á traxectoria recibiuna Óscar Carrera Amandi (piragüismo) polos seus antecedentes en competicións de primeiro nivel, incluídos Xogos Olímpicos e Mundiais.
A organización tamén recoñeceu ao adestrador Antón Riveiro López (fútbol) polo título de liga infantil, e destacou como evento deportivo a XIX Travesía a nado de Perbes, unha cita xa consolidada con 19 edicións. O premio ao club foi para o CDN Miño (piragüismo), polo seu labor de promoción da saúde e dos valores deportivos.
A gala incluíu, ademais, varias mencións especiais: para Iván Rodríguez Gómez (automobilismo) pola súa participación no campionato galego; para o AD Miño como sede organizadora do Campionato de España de seleccións autonómicas sub14 e sub16; para o Día da Muller Golfista polos valores de igualdade e convivencia; para Juan Ramón Anido Vidal (fútbol) por 18 anos como presidente; e para Sechu López (montañismo) por formar parte da expedición Mar de Hielo 2025. O acto pechouse cunha foto conxunta dos premiados nun ambiente festivo.