Miño valora positivamente o anuncio das dragaxes pero reclama unha actuación máis ampla

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, asistiu este xoves en Pontedeume ao acto da Consellería do Mar no que se anunciou a inversión de 1,3 millóns de euros para realizar obras de dragaxe nos portos de Miño, Pontedeume e Barallobre-Maniños (Fene). Esta intervención, moi demandada polo Concello de Miño desde hai anos, vén para recuperar os calados das dársenas e mellorar a seguridade e operatividade das instalacións portuarias.
Segundo informou a conselleira do Mar, Marta Villaverde, as obras levaranse a cabo mediante un proxecto conxunto debido á proximidade e características similares dos tres portos, e contan cun prazo de execución estimado de nove meses. O procedemento de licitación das obras xa está aberto, cun orzamento total de 940.000 euros para a execución, aos que se suman 120.000 euros para os estudos ambientais previos e 235.000 euros para o programa de vixilancia ambiental.
En concreto, en Miño proxéctase dragar o interior da dársena ata a cota -1 metro, nunha superficie de 8.000 metros cadrados e un volume estimado de 15.000 metros cúbicos. O orzamento destinado para esta actuación é de 413.000 euros.
O alcalde Manuel Vázquez Faraldo celebrou o anuncio pero insistiu na necesidade de avanzar máis aló desta intervención puntual: “É precisa unha actuación máis ampla no porto.” Ademais, trasladou á conselleira do Mar a importancia de realizar “un estudo das correntes para avaliar posibles solucións que eviten que a dársena se encha de area xa que sen esa medida o dragado soamente é ‘unha solución ao curto prazo’”.
A Xunta de Galicia explicou que para a execución das obras empregarase unha draga de culler que transportará os áridos ata un punto de vertido en alta mar no Golfo Ártabro, compartido polos tres portos.