Miño súmase á campaña 'Merca no teu comercio' para impulsar as compras locais

A partir do 1 de setembro e ata o día 15 estará activa en Miño a campaña 'Merca no teu comercio', unha iniciativa impulsada pola Federación de Comercio da Coruña, a Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, coa colaboración das asociacións de comerciantes da provincia. O obxectivo é apoiar o pequeno comercio local e premiar a fidelidade da clientela.
Todas as persoas que realicen compras nos establecementos de proximidade de Miño durante estas datas poderán participar no sorteo rexistrando o seu ticket na páxina web mercanoteucomercio.com/mino. Ademais, tamén será posible que os propios comerciantes inscriban as operacións de compra dos clientes na mesma plataforma, duplicando así as posibilidades de conseguir premio. En calquera caso, será necesario gardar e/ou fotografar o ticket como xustificante.
O sorteo celebrarase o 16 de setembro e repartirá un total de 1.000 euros en premios, distribuídos en 20 tarxetas prepago de 50 euros cada unha. Estas tarxetas só poderán ser utilizadas para realizar novas compras nos comercios locais participantes, garantindo que os beneficios da campaña reverten directamente na economía da vila.