Miño repoboa 500.000 ameixas xaponesa para recuperar os bancos marisqueiros do Pedrido

ACoruñaXa
A iniciativa foi promovida pola Xunta de Galicia e executada coa colaboración da Confraría de Pescadores de Miño
almeja-minho
27 May 2025

Miño vén de ser escenario dunha nova acción de recuperación ambiental coa solta de 500.000 unidades de ameixa xaponesa nos bancos marisqueiros de Castelo e da Canle do río Mandeo, na zona do Pedrido. A iniciativa, promovida pola Xunta de Galicia e executada coa colaboración da Confraría de Pescadores de Miño, contou coa participación esta mañá da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

A actuación busca reforzar a biodiversidade mariña e garantir a sostibilidade da actividade marisqueira na zona. Para iso, levouse a cabo previamente un traballo de arado do fondo mariño co fin de mellorar o substrato e favorecer o asentamento e desenvolvemento da especie sementada.

A Confraría de Miño recibiu dúas liñas de axuda para facer posible esta intervención: 1.375 euros destinados á preparación do leito mariño e 9.200 euros para a adquisición e posterior sementeira da ameixa xaponesa, procedente de criadeiro.

Durante a visita, Belén do Campo salientou que esta acción “non só persegue aumentar a presenza da especie na zona, senón tamén garantir a viabilidade a longo prazo da actividade marisqueira, mellorar a calidade ambiental dos bancos e fomentar unha xestión responsable baseada en prácticas sostibles”.

A iniciativa insírese nun marco máis amplo de conservación dos hábitats costeiros, tendo en conta criterios ecolóxicos e de infraestrutura azul. Así mesmo, as medidas son definidas en diálogo co sector, recollendo as propostas dos mariscadores para asegurar que a súa aplicación sexa eficaz e beneficiosa.

Con actuacións coma esta, a Xunta reforza o seu compromiso coa recuperación ecolóxica e co apoio ao sector marisqueiro local, clave na economía e identidade de concellos como Miño.

⚙ Configurar cookies
0.093388795852661