Miño renova o convenio coa SAREB para ampliar as vivendas de alugueiro social ata 2026

O Concello de Miño vén de renovar o convenio coa SAREB ata o ano 2026 para continuar co acceso a vivendas de alugueiro social. Este acordo foi formalizado de maneira unánime na sesión plenaria do xoves 20 de febreiro e permitirá manter vixente unha iniciativa que se demostrou un éxito para a comunidade.
Actualmente, as 12 vivendas que se habilitaron a través deste convenio, e que foron amuebladas polo Concello segundo as necesidades de cada unidade familiar, están ocupadas. O obxectivo do Goberno local é conseguir novos acordos coa SAREB para poder ceder máis vivendas embargadas e así ampliar a oferta.
Explican desde o Concello que as persoas interesadas en acceder a estas vivendas deberán presentar a súa solicitude a través do Rexistro Municipal, cumprir cos requisitos establecidos na ordenanza e esperar a que quede dispoñible algunha vivenda ou que se poidan habilitar outras. O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, destacou que “este é un proxecto pioneiro en Galicia e unha mostra máis do compromiso do goberno local coas políticas sociais”. Engadiu tamén que “grazas a este convenio asinando coa SAREB, conseguimos que algúns dos pisos baleiros, que eran un símbolo do legado da burbulla inmobiliaria en Miño, estean agora cheos de vida”.
En canto aos requisitos de acceso, as vivendas teñen unha taxa mensual de 150 euros, que deberá aboarse por anticipado nos primeiros cinco días de cada mes, sen necesidade de fianza. Os inquilinos deberán tamén pagar os gastos e consumos derivados da súa utilización. Para acceder ás vivendas de alugueiro social, é necesario ser maior de idade, acreditar residencia en Miño durante polo menos seis meses antes de presentar a solicitude, non ser titular dunha vivenda en todo o territorio nacional e non superar os límites de ingresos establecidos na ordenanza.
O prazo de ocupación das vivendas será dun ano, cunha posible prórroga anual de ata tres anos e, posteriormente, ata un máximo de cinco anos. No caso de vivendas de emerxencia social, os requisitos son a falta de recursos económicos e patrimoniais para facer fronte á necesidade de vivenda, así como non ser titular dunha vivenda en todo o territorio nacional (salvo en casos de separación ou divorcio). O prazo de ocupación neste tipo de vivendas non superará os catro meses.