Miño rende homenaxe a Juan Tenreiro dando o seu nome ao pavillón deportivo municipal

ACoruñaXa
Un xesto que busca recoñecer a súa traxectoria, compromiso e dedicación á vida deportiva do municipio
minho-homenaje
15 Jun 2025

O polideportivo municipal de Miño viviu esta tarde unha xornada cargada de emocións co acto de homenaxe a Juan Tenreiro Vázquez, ‘Tenre’, recentemente xubilado e considerado unha figura clave no desenvolvemento do deporte local, especialmente no eido do fútbol sala.

O recinto deportivo leva oficialmente o nome de Pavillón Deportivo Municipal Juan Tenreiro, nun xesto que busca recoñecer a traxectoria, o compromiso e a dedicación dun home que deixou unha fonda pegada na vida deportiva do municipio. Durante o acto tamén se descubriu unha placa conmemorativa en honra ao homenaxeado.

O evento reuniu a numerosos xogadores e exxogadores que pasaron polas mans de Tenreiro nas filas do Club Alameda Xarío FS, entidade que el mesmo fundou e presidiu durante décadas. Como parte do recoñecemento, disputouse un encontro amigable entre xogadores históricos do club, nun ambiente de compañeirismo e gratitude.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, destacou o papel fundamental do homenaxeado: “Tenreiro foi moito máis ca un adestrador: ao longo da súa traxectoria, converteuse nun auténtico motor do deporte en Miño, impulsando torneos e facendo do pavillón un segundo fogar para centos de rapaces e rapazas.”

Con esta homenaxe, Miño pon en valor a labor dunha persoa que dedicou boa parte da súa vida a formar, acompañar e motivar á mocidade a través do deporte, deixando un legado que agora queda simbolizado no nome do principal espazo deportivo da vila.

 

 

 

 

 

⚙ Configurar cookies
0.17589616775513