Miño reforza o ximnasio do Club Náutico con nova maquinaria
O Concello de Miño deu un novo paso na mellora das súas instalacións deportivas coa renovación do equipamento do ximnasio do Club Náutico. A actuación, cun custo total de 36.142 euros, forma parte do plan municipal para fomentar a actividade física e o benestar entre a veciñanza.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, destacou a importancia de contar con instalacións modernas e accesibles. "O Club Náutico é un espazo emblemático, e con este novo equipamento non só melloramos a súa funcionalidade, senón que damos resposta á crecente demanda dun ximnasio ben dotado", sinalou.
O novo equipamento inclúe maquinaria de última xeración destinada tanto ao exercicio cardiovascular como á musculación, co obxectivo de mellorar a saúde e o rendemento físico dos usuarios. Vázquez Faraldo subliñou o compromiso do Concello co deporte e a promoción de hábitos saudables, proporcionando á cidadanía un lugar onde coidar o seu benestar físico.