Miño recupera o seu tradicional Xantar para maiores cunha nova edición o 26 de abril

ACoruñaXa
Despois de varios anos sen celebrarse, o evento regresa cun marcado carácter festivo e de reencontro
Imaxe do Concello de Miño
13 Apr 2025

O Concello de Miño retoma unha das súas citas máis emblemáticas coas persoas maiores: o tradicional Xantar, que se celebrará o vindeiro venres 26 de abril no pavillón municipal. Trátase dunha iniciativa pensada para a veciñanza empadroada no municipio que teña 55 anos ou máis, coa que o goberno local busca fomentar a convivencia e render homenaxe a quen contribuíu ao desenvolvemento de Miño ao longo das décadas.

Despois de varios anos sen celebrarse —a última edición tivo lugar en 2019—, o evento regresa cun marcado carácter festivo e de reencontro. A cita incluirá unha comida de confraternidade nun ambiente distendido, pensado para o gozo e a participación dos asistentes, favorecendo ademais o contacto interxeracional.

As persoas interesadas en acudir poden retirar as súas invitacións ata o martes 15 de abril. Desde o Concello lembran que as prazas son limitadas, polo que recomiendan facer a reserva con antelación.

Dende o executivo local destacan que este tipo de encontros “non só recoñecen a traxectoria vital da nosa xente maior, senón que tamén fortalecen os lazos comunitarios e promoven o benestar social a través da participación activa”.

⚙ Configurar cookies
0.15954899787903