Miño recupera as tres Bandeiras Azuis e aposta pola sustentabilidade nas súas praias

O Concello de Miño volve celebrar este verán unha boa nova ambiental: tras oito anos, o municipio recupera as tres Bandeiras Azuis nas súas praias máis emblemáticas e concorridas. Os distintivos, concedidos pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), foron outorgados aos areais de Perbes, A Ribeira e Praia Grande, ao cumpriren cos criterios esixidos en calidade das augas, seguridade, servizos, xestión ambiental, conservación do entorno e educación ambiental.
Dende o Concello destacan a importancia deste recoñecemento, que chega logo dun traballo constante por manter e mellorar os estándares de calidade e sustentabilidade das praias.
Como parte das recomendacións da ADEAC na súa última revisión, e en consonancia coas boas prácticas adoptadas noutros destinos turísticos como Sanxenxo, o Concello decidiu suprimir as duchas nas praias. Esta medida busca reducir o consumo de auga potable e previr problemas xa detectados en anos anteriores, como “contaxios por fungos e accidentes por esvaróns”, derivados do uso incorrecto das duchas, incluso con xampús ou xeles.
En lugar deste servizo, e para garantir a comodidade das persoas usuarias, o Concello está a instalar lavapés nos accesos aos areais, situados fóra da area, co fin de evitar o estancamento da auga e favorecer unha xestión máis eficiente e sostible dos recursos.
Con esta decisión, Miño súmase aos concellos que apostan por un modelo turístico máis respectuoso co medio ambiente e que, ao tempo, contribúe ao aforro económico e á preservación dos seus espazos naturais.