Miño recoñece o talento local na IV edición dos Premios do Deporte

O Concello de Miño celebrará este venres, 16 de xaneiro, a cuarta edición dos Premios do Deporte, unha cita pensada para poñer en valor o traballo de deportistas, equipos e entidades do municipio ao longo da tempada 2024-2025. O acto terá lugar no Local Social da Rúa a partir das 20.00 horas.
A gala servirá para render homenaxe a logros e traxectorias salientables en diferentes disciplinas, destacando non só os resultados, senón tamén a dedicación, o esforzo e os valores que impulsa o deporte na comunidade. Ademais do recoñecemento a deportistas e equipos, o Concello tamén quere visibilizar a achega de clubs, adestradores e eventos deportivos que tiveron un impacto relevante no ámbito local.
Nesta edición entregaranse premios en categorías como mellor equipo masculino e feminino, mellor deportista masculino e feminino, deportista promesa, mellor adestrador, mellor club e mellor evento deportivo. Tamén haberá distincións á deportividade e aos valores deportivos, mencións especiais e un premio á traxectoria deportiva.
Desde o Concello subliñan o seu compromiso co deporte como ferramenta para promover principios como o traballo en equipo, a constancia e o respecto, que consideran claves para o desenvolvemento social. A IV edición dos premios pretende, así, reflectir a paixón e o talento deportivo que caracteriza á veciñanza de Miño.