Miño reclama a construción dun instituto para atender o crecemento escolar

ACoruñaXa
A corporación aproba unha Declaración Institucional impulsada polo ANPA do CPI Castro Baxoi e pide á Xunta incorporar con urxencia o IES á súa planificación; o Concello ofrece terreos municipais
MIÑO isnti
11 Nov 2025

O Concello de Miño aprobou hoxe en pleno unha Declaración Institucional que insta á Xunta de Galicia a construír un Instituto de Educación Secundaria no municipio, unha demanda promovida polo ANPA do CPI Castro Baxoi e asinada polo alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, e polos portavoces de PSdeG-PSOE, Partido Popular e BNG. O acordo será remitido á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, á Presidencia da Xunta e á Delegación Territorial da Coruña para que a obra se incorpore de maneira urxente á planificación educativa e se poida redactar e licitar canto antes.

A declaración subliña que Miño supera os 7.100 habitantes (un 13% máis que hai cinco anos) e rolda o milleiro de menores en idade escolar. O CPI Castro Baxoi escolariza máis de 570 estudantes e funciona ao límite da capacidade con espazos adaptados de forma provisional e ratios superiores ás recomendadas. A ausencia de Bacharelato e FP obriga arredor de douscentos alumnos e alumnas a desprazarse cada día a Pontedeume ou Betanzos, con custos económicos, sociais e familiares engadidos.

O documento considera que a situación é estrutural e que a creación dun IES en Miño permitirá desconxestionar o CPI Castro Baxoi, garantir unha oferta pública completa (ESO, Bacharelato e FP) e adaptada á evolución demográfica. O Concello lembra que dispón de terreos municipais axeitados para o novo centro e propón impulsar ciclos de FP vinculados ás necesidades da comarca.

Durante o acto, o alcalde salientou que 'o crecemento sostido da poboación nos últimos anos obriga a preparar o futuro con infraestruturas axeitadas; precisamos un IES canto antes para desconxestionar o CPI Castro Baxoi e facilitar o acceso á educación secundaria para as 492 mozas e mozos de Miño en idade de cursala'. O PP de Miño incidiu en que 'a calidade educativa é básica' e que a transformación dun centro de Pontedeume en CIFP fai máis necesaria a implantación dun instituto en Miño. O BNG cualificou a petición como 'xusta, urxente e necesaria', á vez que lembrou pendentes de execución melloras no CPI Castro Baxoi (como a cuberta comprometida pola Xunta).

⚙ Configurar cookies
0.074628829956055