Miño propón unha modificación orzamentaria de máis dun millón de euros para mellorar infraestruturas e servizos

ACoruñaXa
Os investimentos inclúen reparacións, melloras en estradas e parques infantís, e un proxecto para unha nova escola infantil
Concello de Miño
30 Oct 2024

O goberno local de Miño presentará no próximo pleno unha modificación orzamentaria de 1.016.300 euros co obxectivo de realizar melloras importantes en infraestruturas e servizos municipais, respondendo ás demandas dos veciños e apostando por un Miño máis accesible e moderno. As actuacións divídense en cinco bloques principais: reparacións, investimentos en estradas, obras en parques infantís, melloras en rúas e outras intervencións en distintos puntos do municipio.

No bloque de reparacións, destinaranse preto de 90.000 euros á reparación de colectores no acceso á praia da Ribeira, para optimizar a rede de saneamento e resolver problemas recorrentes. Ademais, levarase a cabo a reparación do paso superior sobre a liña ferroviaria en Bollo, afectado por danos que obrigaron a cortar a circulación nos últimos meses.

Para mellorar as estradas do municipio, investiranse 371.000 euros, a maior parte do orzamento. Estas actuacións esténdense a todas as parroquias, e inclúen a ampliación dun camiño en Barbeita, a mellora do vial detrás do cemiterio de Miño e a mellora de capas de rodaxe en diversas estradas do municipio. O obxectivo é manter as vías en condicións óptimas para unha circulación segura e eficiente.

En parques infantís, destinaranse uns 95.000 euros á mellora de áreas recreativas en Bemantes, Callobre, Os Abellós, rúa Aveás e Telle, garantindo espazos modernos e seguros para a infancia. As intervencións inclúen a renovación de equipamento e medidas de seguridade reforzadas.

As melloras en rúas inclúen unha reforma integral da rúa Marismas, co propósito de facela máis accesible e segura, unha actuación que responde a unha demanda da comunidade educativa e que supón a segunda maior inversión desta modificación.

Finalmente, no apartado de outras intervencións, destacan actuacións como a redacción do proxecto para a nova escola infantil en Xarío, o servizo de recollida de lixo, melloras na Praza do Parchís e no Servizo de Axuda no Fogar, así como obras menores no pumptrack, valados na zona de Raxel, Hermo e Carreira, e sinalización do rueiro en Castro, Leiro e Carantoña.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, destacou a importancia desta modificación orzamentaria: “Con este investimento buscamos responder ás necesidades dos nosos veciños, mellorando infraestruturas e espazos esenciais para a calidade de vida en Miño. Reafirmamos o noso compromiso cun municipio máis accesible, sostible e preparado para o futuro”.

MODIFICACION ORZAMENTARIA
0.1651611328125