Miño, Pontedeume e Vilarmaior estrean un servizo de atención temperá no Centro Social de Leiro

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, xunto aos seus homólogos de Pontedeume, Bernardo Fernández, e Vilarmaior, Carlos Vázquez, visitaron as instalacións do Centro Social de Leiro para coñecer de primeira man o novo servizo de atención temperá que comezou a funcionar a principios de maio.
Durante a visita estiveron acompañados pola directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Begoña Abeijón, e polas profesionais que traballan neste recurso, quen lles explicaron o labor que realizan diariamente cos menores.
O servizo está dirixido a nenos e nenas de 0 a 6 anos con necesidades especiais no seu desenvolvemento ou en risco de padecelas. Actualmente, atende a 19 menores dos tres municipios e conta cun equipo multidisciplinar formado por unha psicóloga, unha terapeuta ocupacional e unha logopeda.
Este proxecto está financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través dos fondos europeos do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e desenvolverase desde o 1 de maio deste ano ata o 31 de outubro de 2026. No seu conxunto, contempla un total de 9.460 horas subvencionadas.
O obxectivo principal do servizo é detectar, previr e intervir en trastornos do desenvolvemento infantil, ofrecendo unha atención integral e personalizada que favoreza a inclusión social e o benestar dos menores. Grazas a esta iniciativa, as familias da comarca dispoñen agora dun recurso próximo, eficaz e sostible, sen ter que desprazarse a outros concellos para recibir este tipo de apoio.
As sesións desenvólvense na primeira planta do Centro Social de Leiro, un espazo especialmente acondicionado para esta finalidade, e o servizo está dispoñible en horario de mañá e tarde de luns a xoves, e só de mañá os venres.
Durante a visita, o alcalde de Miño subliñou “a importancia deste servizo para garantir unha maior equidade de oportunidades na infancia” e destacou que a súa posta en marcha representa “un compromiso cumprido coas nosas veciñas e veciños, especialmente coas familias que durante anos tiveron que desprazarse para acceder a unha atención temperá fundamental para o desenvolvemento dos seus fillos e fillas”.