Miño pechou o 2024 cun remanente de tesourería de máis de 2,4 millóns de euros

ACoruñaXa
Confirma así a súa estabilidade financeira tras presentar a liquidación do orzamento de 2024 no pleno deste mes
Imaxe do Concello de Miño
25 Jun 2025

O Concello de Miño continúa fortalecendo a súa situación económica e confirma a súa boa saúde financeira tras presentar a liquidación do orzamento de 2024 no pleno ordinario deste mes. Segundo os datos achegados polo Goberno local, o remanente líquido de tesourería ao peche do exercicio ascende a 2.411.480 euros, unha cifra que supón un incremento significativo respecto ao ano anterior, cando o montante se situaba en 1.488.050 euros.

O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, valorou de forma moi positiva estes resultados, destacando que “este crecemento é froito dunha xestión económica sensata e planificada, pensada para garantir a estabilidade do Concello no medio e no longo prazo”.

Desde o executivo municipal tamén se subliña que este remanente “supón un balón de osíxeno que nos permite seguir afrontando con garantías novas actuacións e proxectos que redunden no benestar dos nosos veciños e veciñas”.

A mellora continuada das contas municipais permite ao Concello manter unha capacidade solvente para afrontar investimentos e prestar servizos de calidade, consolidando o modelo de xestión que aposta por un Miño moderno, sostible e centrado nas necesidades reais da cidadanía. O Goberno local reafirma así o seu compromiso cunha administración eficiente e orientada ao desenvolvemento a longo prazo do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.15842008590698