Miño ofrece ata 610 prazas nos seus campamentos de verán para facilitar a conciliación

O Concello de Miño prepara os seus dous campamentos de verán cunha oferta de ata 610 prazas. O obxectivo é ofrecer aos nenos e nenas unha alternativa de lecer durante a tempada estival, favorecendo así a conciliación da vida laboral e familiar. O prazo de preinscrición abrirase o martes 13 de maio e permanecerá dispoñible ata o luns 26 de maio ás 12.00 horas.
Nenos e nenas nados entre os anos 2013 e 2021, ambos inclusive, poderán gozar destes campamentos de conciliación, que se dividirán en catro quendas: primeira e segunda quincena de xullo e primeira e segunda quincena de agosto. Poderanse solicitar as catro quendas, pero darase preferencia a que todas as persoas solicitantes teñan concedida, cando menos, unha.
Levaranse a cabo en dous espazos diferentes: o local social de Bemantes e o local social de Xarío. Ofrécense 80 prazas nas tres primeiras quincenas e 70 na última. O horario de entrada poderá ser en calquera momento entre as 7.30 e as 9.30 horas ou ás 10.00 horas, e a saída ás 14.00 horas ou entre as 15.00 e as 16.00 horas. Non hai servizo de comedor, polo que será necesario traer a comida da casa, aínda que existe a posibilidade de quentala no microondas.
No caso dos campamentos deportivos, están dirixidos a nenos e nenas nados entre os anos 2011 e 2017, ambos inclusive, e tamén se dividirán en catro quendas: do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo, do 1 ao 14 de agosto e do 18 ao 29 de agosto.
A zona de entrega e recollida dos participantes será o centro sociocultural de Loios, e priorizaranse as actividades ao aire libre nos diferentes espazos naturais e deportivos do municipio. Ofrécense 80 prazas nas dúas primeiras quincenas e 70 nas dúas últimas, formando grupos de como máximo 10 participantes. O Concello dará prioridade ás persoas empadroadas en Miño. O horario de entrada poderá ser ás 9.00 horas ou ás 10.00 horas e o de saída ás 14.00 horas. As solicitudes poderán presentarse de forma telemática a través da sede electrónica ou presencialmente no Rexistro. As listas definitivas publicaranse na páxina web municipal.
Ambos campamentos repiten convocatoria, como o ano pasado, e cumpren co Plan de Igualdade municipal, polo que a opción de conciliación outorga prioridade ás fillas e fillos de persoas que traballen en Miño.