Miño móvese para ser sede da fase decisiva do Campionato de España Sub-14 e Sub-16

O Concello de Miño iniciou contactos para optar a converterse nunha das sedes da fase decisiva do Campionato de España de Seleccións Autonómicas masculinas Sub-14 e Sub-16, que se disputará do 6 ao 8 de febreiro. O alcalde, Manuel Faraldo, e o concelleiro de Deporte, José Manuel Pantín, mantiveron unha reunión de traballo co presidente da Real Federación Galega de Fútbol (Futgal), Pablo Prieto, e co presidente da AD Miño, Alberto López Vázquez, para avaliar necesidades e coordinación do evento.
A competición, organizada pola Real Federación Española de Fútbol, reúne as promesas do fútbol base autonómico e esta temporada chegou con cambios no formato, ao dividir as 19 seleccións en dúas divisións e establecer diferentes grupos e fases.
Miño xa sabe o que é acoller este tipo de encontros: en edicións recentes exerceu como unha das localizacións do campionato, con partidos no Campo Municipal de Gallamonde, un antecedente que o Concello quere aproveitar para volver situarse no mapa das grandes citas do fútbol formativo.