Miño mellora a seguridade na incorporación á N-651 coa execución dun carril de aceleración

O Concello de Miño conseguiu un importante avance en materia de seguridade viaria coa creación dun carril de aceleración na incorporación á N-651 en dirección Betanzos/A Coruña. Esta actuación substitúe ao antigo Stop, que presentaba graves problemas de visibilidade, e facilita unha incorporación máis segura e progresiva á vía principal.
A Demarcación de Carreteras do Estado levou a cabo os traballos tras as reiteradas peticións do goberno local. O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, xunto co concelleiro de Obras, Francisco Abuín, visitou recentemente a zona e agradeceu que se atendesen as demandas municipais. “A pouca visibilidade que había no Stop facía que esta incorporación fose moi perigosa. Agora contamos cunha alternativa máis segura para todos os condutores”, subliñou Vázquez Faraldo.
Nos próximos días, cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables, instalarase a sinalización horizontal e vertical, completando así a mellora da infraestrutura e garantindo a seguridade viaria no tramo. Esta actuación é unha resposta directa ás necesidades veciñais e unha mostra do compromiso do Concello co benestar dos cidadáns.