Miño licita a mellora paisaxística e dos accesos da praia de Perbes

ACoruñaXa
O proxecto, cun investimento de máis de 84.000 euros, aposta pola eliminación de especies invasoras e a integración harmónica dos accesos ao areal
MIÑO paseo praia
11 Aug 2025

O Concello de Miño vén de sacar a contratación a intervención paisaxística na contorna da praia de Perbes, unha actuación cun orzamento de 84.149,06 euros, financiada en gran parte cunha achega de 60.000 euros da Xunta de Galicia. O obxectivo é a recuperación ambiental da zona e a mellora da conexión peonil cara un dos areais máis frecuentados do municipio por veciños e visitantes. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 27 de agosto.

A actuación inclúe a erradicación de especies exóticas invasoras, centrando os esforzos na Arundo donax, para favorecer a rexeneración da vexetación autóctona e protexer o ecosistema.

Nos accesos norte e sur á praia prevese unha remodelación que busque unha maior integración co contorno natural. No acceso norte retirarase unha franxa de asfalto e instalarase unha pasarela de madeira de arredor de 50 metros cadrados, que resolverá o desnivel entre a estrada e a area, garantindo unha transición visualmente respectuosa. Tamén se substituirán as duchas actuais por lava-pés, co obxectivo de fomentar un uso máis responsable da auga no verán.

No acceso sur actuarase sobre o pavimento deteriorado polo paso de maquinaria pesada. O solo será renovado e colocarase un banco corrido de madeira xunto ao talude, mellorando tanto a funcionalidade como a estética da entrada. O plan contempla ademais a creación de zonas de descanso integradas no medio, para que os usuarios poidan gozar da contorna de xeito cómodo e sustentable.

⚙ Configurar cookies
0.60146498680115