Miño inviste 240.000 euros na remodelación integral da rúa Marismas

ACoruñaXa
O Concello saca a licitación as obras, que abranguen 1.340 metros cadrados de beirarrúas e inclúen novo mobiliario urbano, axardinamento e sinalización viaria; as empresas poden presentar ofertas ata o 23 de decembro
MIÑO obras calle pavillon
11 Dec 2025

O Concello de Miño vén de poñer en marcha o proceso de licitación do proxecto de mellora da rúa Marismas, unha vía cun tránsito moi elevado ao constituír o acceso principal ao CPI Castro Baxoi e ao polideportivo municipal Juan Tenreiro. A actuación conta cun orzamento de 240.046 euros e busca modernizar e embelecer este ámbito urbano, mellorando á vez a comodidade e a seguridade das persoas usuarias.

Segundo recolle o proxecto, a intervención abranguerá a totalidade da rúa e prolongarase lixeiramente nos seus extremos para enlazar de maneira axeitada coa trama viaria existente. En total actuarse sobre arredor de 1.340 metros cadrados de beirarrúas.

Os traballos previstos inclúen a substitución das baldosas actuais, a renovación de bordillos, a instalación de novo mobiliario urbano, actuacións de axardinamento e a actualización da sinalización viaria. O obxectivo é dotar a rúa Marismas dunha imaxe máis actual, facer máis accesibles os percorridos peonís e reforzar a integración da zona no conxunto do núcleo urbano.

O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, subliñou que esta vía 'precisaba dunha intervención integral desde hai tempo, e con este proxecto imos mellorar non só a súa estética, senón tamén a comodidade e a seguridade de quen a utiliza a diario'. Engadiu ademais que, con esta actuación, o goberno local pretende 'seguir avanzando na humanización das nosas rúas e na modernización dos espazos públicos'.

As empresas interesadas en executar as obras poderán presentar as súas ofertas a través do perfil de contratación municipal ata o vindeiro 23 de decembro.

⚙ Configurar cookies
0.076428174972534