Miño investirá preto de 250.000 euros na mellora da rúa Real e de infraestruturas en Sombreu

O Concello de Miño deu luz verde este mediodía, nun pleno extraordinario, a dous proxectos de mellora viaria e de servizos básicos que supoñen un investimento próximo aos 250.000 euros.
Por unha banda, a corporación municipal aprobou a adhesión ao Plan Único de Concellos POS+ Adicional 2/2025 da Deputación da Coruña, que achegará case 187.000 euros para a renovación do enlosado da rúa Real –tramo do Camiño Inglés– e do seu cruzamento coa estrada da praia Grande.
Así mesmo, acordouse un suplemento de crédito de 60.165 euros con cargo ao remanente de tesourería, co obxectivo de financiar as obras de pavimentación e saneamento no treito que conecta a AC-160 coa ETAP e Ramal, en Sombreu.
O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, salientou que “a cooperación institucional entre o Concello de Miño e a Deputación repercute directamente na mellora das condicións de vida da veciñanza, tal e como se pode ver con acordos coma o adoptado hoxe”. En relación á actuación proxectada en Sombreu, engadiu que “poder levar a cabo melloras coma esta é froito dunha xestión económica responsable, que garante fondos suficientes para seguir avanzando no desenvolvemento do municipio”.