Miño impulsa a renovación da cuberta do pavillón municipal ‘Juan Tenreiro’ cun investimento de 107.000 euros

O Concello de Miño vén de sacar a licitación o proxecto de mellora da cuberta do pavillón municipal ‘Juan Tenreiro’, cun orzamento de 107.000 euros, dos cales 60.000 proceden dunha achega da Xunta de Galicia.
A intervención prevé a substitución da cuberta tanto da zona principal como da entrada aos graderíos, unha actuación que permitirá solucionar as patoloxías actuais derivadas de filtracións de auga e mellorar ao mesmo tempo a eficiencia enerxética da instalación.
Xunto a isto, renovaranse as luminarias existentes, que serán trocadas por sistemas LED de baixo consumo, contribuíndo a unha maior sostibilidade do equipamento deportivo.
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 5 de setembro a través do perfil do contratante municipal.