Miño estrea un novo tramo da Senda dos Sentidos ata a Ponte do Porco

O Concello de Miño celebra a inauguración dun novo treito da coñecida Senda dos Sentidos, unha pasarela de madeira de 300 metros que prolonga o percorrido actual ata a Ponte do Porco. A cita tivo lugar na zona do aparcadoiro situada ao final da nova infraestrutura, na praia da Alameda.
Ao acto asistiron o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo; o presidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Santiso; así como representantes da Xunta de Galicia e da Delegación do Goberno.
Esta ampliación da senda supón un paso máis na aposta do municipio por un modelo de mobilidade sostible e accesible, á vez que se pon en valor o patrimonio natural e paisaxístico da contorna costeira. A nova conexión reforza ademais o atractivo turístico da zona, facilitando o acceso a espazos emblemáticos como a desembocadura do río Lambre e a histórica Ponte do Porco.
A Senda dos Sentidos forma parte das actuacións promovidas en colaboración coa Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, un marco no que Miño está a desenvolver diferentes iniciativas de protección ambiental e promoción do uso público dos espazos naturais.
SUBDELEGADA DO GOBERNO SOBRE A SENDA
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, asegurou que “este proxecto representa un paso importante cara a un modelo de desenvolvemento sostible que coida o medio, mellora a calidade de vida da cidadanía e potencia o valor do noso patrimonio natural e cultural”. Tamén subliñou que iniciativas como esta só teñen sentido “se están ao servizo da xente” e puxo en valor “o papel da veciñanza de Miño como principal destinataria deste novo espazo”.
DELEGADA DA XUNTA SOBRE A SENDA
Pola súa parte, a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, cualificou a intervención como “un exemplo claro do modelo de territorio que queremos para as reservas de biosfera galegas: un ecoturismo certificado, respectuoso co medio, de calidade e centrado na restauración ambiental”. Tamén destacou a importancia do apoio continuado da Xunta e da boa execución local: “Estádeslle sacando un rendemento excelente a estes fondos, con boa planificación, rigor na execución e visión estratéxica”.