Miño esixe solucións pola masificación do transporte escolar a Betanzos

O Concello de Miño vén de presentar ante o Servizo de Mobilidade da Xunta de Galicia e ante a Valedora do Pobo un escrito no que solicita medidas urxentes para poñer fin á masificación e ás deficiencias no transporte por autobús que utilizan a diario o alumnado que se despraza a Betanzos. Á denuncia municipal, que reclama a prolongación da ruta XG87101201 Vilamateo–Miño ata Betanzos e que a ruta XG87106501 Centro de Salud Betanzos–Ponte do Porco–Miño 2 quede exclusivamente reservada ao transporte escolar, únense 336 sinaturas de persoas afectadas polas condicións actuais do servizo.
No documento municipal explícase que as modificacións do contrato de 2020, que supuxeron a supresión da antiga liña Vilamateo–Betanzos e a conversión dunha liña escolar nun servizo integrado, deixaron ao alumnado de Bacharelato e de FP sen unha oferta adecuada. O autobús que antes se destinaba exclusivamente ao alumnado de ESO pasou a transportar tamén estudantes de niveis superiores e usuarios xenerais, provocando situacións de colapso. A resposta da Xunta tras as reclamacións de cursos anteriores foi a asignación dun vehículo de 80 prazas (55 sentadas e 25 de pé) para cubrir os 10 km pola N-651, medida que non resolveu o problema e, según o Concello, mesmo o agravou no inicio do curso 2025–2026: o autobús sae de Miño completamente cheo e continúa recollendo pasaxeiros ata Betanzos, deixando diariamente persoas no andén por falta de espazo. Esta situación obriga a moitas familias a buscar desprazamentos privados para que o alumnado acuda ás clases e afecta tamén a outros usuarios da liña.
Ao recorrido técnico e ás peticións do Goberno local súmase a voz do BNG, que reclama melloras estruturais no funcionamento da rede de transporte que comunica Miño coas principais cidades e vilas da contorna. A deputada Mercedes Queixas denunciou que “a Xunta debe atender as necesidades da poboación e non só os intereses das grandes concesionarias, cuns servizos inzados de incumprimentos” e sinalou unha batería de queixas cidadás: falta de puntualidade, eliminación de servizos, cambios inxustificados de itinerarios e en ocasións mal estado dos vehículos. Queixas lembrou que, tras a modificación de 2022, as liñas que conectan Miño con Betanzos, A Coruña, Ferrol e Pontedeume seguen acumulando reclamacións pola insuficiente frecuencia e polos horarios, o que empurra a moita xente ao uso do vehículo privado.
O BNG reuniuse en Miño coa deputada Mercedes Queixas e co deputado e responsable de mobilidade do grupo, Paulo Ríos, para avaliar a situación e convoceu unha campaña social e institucional para presionar á Xunta. Alberte G. Nicolás, voceiro do BNG de Miño, explicou que levarán a cabo encontros coa veciñanza para informar das accións en marcha e recoller propostas, e que xa teñen rexistradas iniciativas no Parlamento de Galicia reclamando medidas concretas. As demandas nacionalistas pasan por ampliar frecuencias, axustar horarios e garantir conexións eficientes cos centros de estudo, traballo e servizos da contorna, medidas que consideran necesarias para garantir igualdade e equidade no acceso á mobilidade colectiva.
Desde o Concello insístese en que transportar menores con prazas de pé e en condicións que non aseguran a seguridade mínima esixe unha solución inmediata. Por iso, ademais de solicitar a restitución da ruta Vilamateo–Betanzos tal como funcionaba antes da última licitación, piden que a ruta XG87106501 quede reservada ao transporte escolar e que a administración competente adopte medidas adicionais para aumentar a capacidade e frecuencia do servizo. Xunto ao escrito remitido á Xunta e á Valedora do Pobo, o Concello achegou as 336 sinaturas recollidas entre familias e usuarias afectadas como proba da extensión do problema e da urxencia dunha resposta.