Miño e Pontedeume únense para poñer en valor o castro de Centroña-Perbes

ACoruñaXa
Cun proxecto cofinanciado polo GALP Golfo Ártabro Norte, ambas administracións iniciarán accións para a súa protección
castro-minho
1 Aug 2025

Os concellos de Miño e Pontedeume veñen de dar un paso conxunto para recuperar e divulgar un dos tesouros arqueolóxicos máis descoñecidos da contorna: o castro de Centroña-Perbes. A través dun proxecto cofinanciado polo GALP Golfo Ártabro Norte, ambas administracións impulsan unha iniciativa que busca destacar o valor patrimonial e histórico do xacemento e iniciar accións para a súa protección.

A intervención contará cun orzamento total de 38.236 euros, dos que o 80 % (30.279,04 euros) están subvencionados polo GALP, mentres que o 20% restante será achegado polos dous concellos implicados.

O plan inclúe a redacción dun proxecto específico de divulgación e conservación do castro, un estudo histórico que afonde na súa relevancia e un plan de comunicación que permitirá dar a coñecer a súa singularidade mediante campañas en redes sociais, deseño dunha páxina web e instalación de paneis informativos.

Desde ambas institucións destacan que o castro de Centroña-Perbes é un gran “descoñecido” dentro do patrimonio arqueolóxico galego, pero que “polo seu tamaño e grao de conservación podería chegar a converterse nun referente da cultura castrexa no Golfo Ártabro e, posiblemente, de todo o noroeste peninsular”.

Este proxecto representa tamén un exemplo de cooperación institucional local para promover o patrimonio compartido e iniciativas de interese xeral, nun contexto no que a colaboración entre concellos se revela fundamental para avanzar na posta en valor dos bens culturais do territorio.

⚙ Configurar cookies
0.29865097999573