Miño desbloquea o futuro urbanístico do Monte Piñeiro cun acordo que prioriza a sustentabilidade

ACoruñaXa
O entendemento pon fin a un longo conflito entre as empresas e o consistorio
PLANO-MINHO
31 May 2025

O Concello de Miño e as principais promotoras inmobiliarias propietarias dos terreos no Monte Piñeiro veñen de pechar un acordo histórico que permitirá retomar o desenvolvemento urbanístico da zona, tras anos de litixios xudiciais e paralizacións. O entendemento pon fin a un longo conflito entre as empresas e o consistorio, iniciado tras a interrupción do proxecto aprobado no ano 2006.

O novo plan, que afecta a unha superficie de arredor de 151.000 m², redefine o futuro deste ámbito estratéxico para o crecemento da vila. A proposta mantén un equilibrio entre a expansión urbana e a calidade de vida, coa aposta clara por un modelo de urbanismo sostible.

A negociación arrincou en 2019, coa chegada de Manuel Vázquez Faraldo á alcaldía. Segundo explican desde o goberno local, o acordo supón unha notable redución da edificabilidade respecto ao proxecto inicial e unha clara aposta por máis zonas verdes e dotacións públicas. Así, a ocupación do terreo por edificación limitarase ao 14%, e os viais ocuparán outro 16 %. O 70 % restante —máis de 105.700 m²— reservarase para espazos verdes. “As relacións entre o espazo libre e o construído falan por si soas do esponxamento do proxecto, moi afastado do que se plantexaba en 2006”, sinalan fontes municipais.

A reorganización dos accesos tamén será clave neste novo deseño. Os viais adaptaranse á trama urbana existente, con entradas desde as rúas Marismas e Travesía da Praia, e prevese ademais a creación dun novo vial de conexión coa AP-9 e co futuro enlace coa N-651. Este cambio busca mellorar a fluidez do tráfico durante todo o ano, especialmente nos meses de verán, cando a poboación de Miño se chega a triplicar.

En canto ás tipoloxías de vivenda, o proxecto contempla cinco tipos distintos de bloques residenciais —todos exentos— e 36 vivendas unifamiliares con xardín. Inclúense tamén vivendas de promoción pública, conforme á normativa vixente.

“O axuste responde á vontade de todas as partes de garantir un desenvolvemento máis sostible e adaptado ás necesidades da veciñanza”, indican desde o Concello, destacando que “con máis espazos verdes e dotacións públicas, mellóranse as condicións ambientais e refórzanse as infraestruturas para o benestar da cidadanía”.

O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, valorou moi positivamente o acordo: “Os terreos que ata agora son propiedades privadas, sen uso e cheos de maleza, pasarán a ser unha zona residencial con amplas zonas verdes que serán un pulmón para o casco urbano, entre elas unha gran zona pública con espazo libre para todo tipo de usos de lecer”. Engadiu tamén que “os novos viais serán un paso máis para que Miño teña un tecido urbano articulado con rúas e non arredor de estradas, como ata agora”.

Desde o executivo local recoñécese que, malia este paso adiante, “aínda queda un longo camiño por percorrer” ata que o novo Monte Piñeiro sexa unha realidade visible. Con todo, subliñan que o acordo sitúa a Miño nunha posición favorable para avanzar cara a un urbanismo máis ordenado, verde e pensado para as persoas.

⚙ Configurar cookies
0.1649341583252