Miño dedicará o pavillón municipal a Juan Tenreiro en homenaxe á súa traxectoria deportiva

Miño renderá homenaxe o vindeiro 14 de xuño a unha das figuras máis destacadas do deporte local: Juan Tenreiro Vázquez. O acto, organizado polo Concello en colaboración co Club Alameda Xarío FS, servirá para recoñecer publicamente a súa ampla traxectoria vinculada ao fútbol sala e á promoción da actividade deportiva no municipio.
Como colofón ao tributo, o Goberno municipal acordou que o pavillón deportivo pase a chamarse oficialmente Pavillón Deportivo Municipal Juan Tenreiro, en recoñecemento á dedicación e compromiso desta figura fundamental do deporte miñense.
Sinalan desde o Concello que Juan Tenreiro é unha persoa moi querida e respectada na comunidade pola súa implicación ao longo de máis de tres décadas como adestrador nas escolas deportivas municipais, organizador de torneos e responsable das instalacións deportivas. Ademais, foi membro fundador do Club Alameda Xarío FS, equipo co que compartiu boa parte da súa vida deportiva.
Este recoñecemento coincide coa súa xubilación este mesmo ano, e nace co obxectivo de deixar constancia do seu legado e da súa influencia na vida deportiva e social de Miño. Desde o Concello destacan que se trata dun "acto de xustiza e agradecemento colectivo a unha persoa que sempre puxo o deporte ao servizo da veciñanza".
O acto de homenaxe terá lugar no propio pavillón, nunha xornada que se prevé chea de emocións, lembranzas e recoñecemento a quen, durante máis de 35 anos, foi motor e referente do deporte local.