Miño convértese no corazón do Camiño Inglés coa inauguración da VIII Feira Primavera

O parque da Rúa de Miño foi o escenario da apertura da VIII edición da feira Primavera no Camiño Inglés, un evento que xa se consolidou como cita imprescindible para os concellos polos que discorre esta histórica ruta xacobea. A iniciativa, impulsada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña, busca poñer en valor os múltiples atractivos turísticos, culturais, naturais e gastronómicos deste itinerario que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.
O acto inaugural contou coa presenza do alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, como anfitrión, así como do presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, e do deputado provincial de Deportes, Antonio Leira. Acompañándoos estiveron representantes institucionais dos dezaoito municipios polos que pasa o Camiño: Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago de Compostela.
Durante a súa intervención, Bernardo Fernández fixo fincapé na relevancia do traballo conxunto entre administracións locais: “a importancia da cooperación entre concellos para poñer en valor un Camiño que non só forma parte da nosa historia, senón que é tamén unha oportunidade de futuro para as nosas vilas e cidades”. Destacou, ademais, o importante crecemento que experimentou o Camiño Inglés, que nos últimos anos se posicionou como unha das rutas que máis peregrinos atrae.
Pola súa banda, Manuel Vázquez Faraldo subliñou o impacto que ten para Miño ser sede dun evento coma este: “Esta celebración é un exemplo de cómo o Camiño Inglés é moito máis que unha ruta de peregrinación; é un eixo vertebrador que nos une e nos permite compartir o mellor de nós mesmos. Para Miño, acoller este evento é unha oportunidade para compartir e poñer en valor o noso patrimonio natural, cultural e gastronómico”.
O deputado provincial Antonio Leira reforzou esta idea, sinalando o compromiso continuado da Deputación coa ruta: “A Deputación leva anos desenvolvendo unha estratexia de proxección internacional do Camiño Inglés, especialmente no Reino Unido, país de orixe de moitos dos peregrinos que percorren esta ruta, e os resultados están á vista: cada ano son máis os camiñantes que elixen esta vía xacobea”. Ademais, valorou positivamente o esforzo colectivo dos concellos e da Asociación, xa que esta feira “converte o Camiño nun espazo de encontro, participación e posta en valor do que nos une como territorio”.
A programación, que arrancou cun pasarrúas a cargo das gaitas da Escola Municipal de Música de Abegondo, ofrece ao longo do día unha ampla variedade de actividades para todos os públicos: degustacións de produtos típicos, showcookings en directo, obradoiros infantís, espectáculos teatrais, presentacións literarias e música en vivo. Os asistentes tamén poden desfrutar dunha rica oferta gastronómica no gastrobar e visitar os postos dos 18 concellos, onde se amosan os mellores sabores e tradicións do Camiño Inglés.
Con esta feira, o Camiño demostra, unha vez máis, ser algo máis ca unha ruta de peregrinación: é tamén un lugar de encontro, de identidade compartida e de celebración colectiva.