Miño celebra o regreso da Bandeira Azul á Praia Grande e consolida tres distintivos ambientais

ACoruñaXa
Miño sitúase entre os concellos con máis bandeiras azuis da provincia, sumando tres areais recoñecidos
minho-bandeira-azul
16 Jun 2025

O Concello de Miño celebrou o izado das bandeiras azuis nas praias Grande, Andahío (Perbes) e A Ribeira, nun acto presidido polo alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, no que tamén participaron o presidente da ADEAC, José Palacios —entidade que outorga estes distintivos— e outros membros do Goberno local.

A gran novidade desta tempada é a recuperación da Bandeira Azul para a Praia Grande, que non contaba con este recoñecemento desde o ano 2016. A súa reincorporación ao listado de areais galardoados é froito de anos de traballo, colaboración institucional e unha aposta clara pola mellora do litoral. As augas desta praia, unha das máis emblemáticas e concorridas do municipio, acadaron este ano unha cualificación de “excelente”, o que permitiu o seu retorno ao grupo de praias distinguidas pola súa calidade ambiental, seguridade, accesibilidade e servizos.

Con esta recuperación, Miño sitúase entre os concellos con máis bandeiras azuis da provincia, sumando tres areais recoñecidos: Praia Grande, Andahío e A Ribeira. De feito, das 39 bandeiras azuis concedidas na provincia da Coruña este ano, tres ondean neste concello, só superado por A Coruña, Ferrol, Arteixo e Oleiros.

Desde o Goberno local salientouse o esforzo conxunto que fixo posible este logro. Agradeceuse especialmente o apoio de entidades como a Demarcación de Costas, que impulsou actuacións clave como a recuperación do espazo dunar; así como a colaboración de Augas de Galicia, da Confraría de Pescadores e Mariscadores e de todo o persoal municipal.

Este recoñecemento vén acompañado tamén da concesión de tres distincións de Camiños Azuis para a Senda dos Sentidos, a Fraga do Xarío e as Marismas do Baxoi, reforzando a aposta de Miño pola calidade ambiental e a posta en valor do seu entorno natural.

Manuel Vázquez Faraldo subliñou “a importancia que ten para Miño, como municipio coa calificación de concello de interese turístico, a recuperación da bandeira azul para a Praia Grande e, ademais, lograr manter as de Perbes e A Ribeira”. Engadiu tamén que “é importante a nivel turístico pero tamén social e simbólico, porque reflicte un longo esforzo colectivo por coidar e recuperar o noso entorno natural”.

 

⚙ Configurar cookies
0.17547702789307