Miño celebra esta fin de semana a súa primeira Feira do Xoguete Antigo e Coleccionismo

A praza do Rabazal, en Miño, converterase os días 26 e 27 de xullo no epicentro para nostálxicos e afeccionados ao coleccionismo coa celebración da primeira edición da Feira do Xoguete Antigo e Coleccionismo. A cita está organizada pola Asociación Cultural Ferro Vello en colaboración co Concello.
Ao longo da fin de semana, o público poderá achegarse aos numerosos postos que ofrecerán unha ampla variedade de xoguetes clásicos: desde bonecas e coches a escala ata videoconsolas retro e as icónicas figuras de Playmobil.
Ademais dos xoguetes, a feira contará cunha coidada selección de obxectos de coleccionismo, entre os que destacan medallas, reloxos, discos de vinilo ou artigos de numismática, entre outros.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, e o presidente da asociación Ferro Vello, Javier Domínguez, presentaron o evento convidando á veciñanza e aos visitantes a gozar dunha proposta “única e singular” que busca atraer a públicos de todas as idades e intereses.