Miño aposta polo golf de iniciación cunha liga de pitch and putt e unha xornada gratuíta para probar o deporte

ACoruñaXa
O Miño Club de Golf Ártabro e a Academia Antonio Outeiriño organizan unha competición a nove buratos con cinco xornadas do 8 de febreiro ao 12 de abril e final o 19 de abril
MIÑO golf
26 Jan 2026

Miño quere converter o golf nun deporte máis accesible e, para iso, o Miño Club de Golf Ártabro impulsa desde febreiro unha liga de pitch and putt en colaboración coa Academia Antonio Outeiriño. A competición disputarase a nove buratos, na modalidade individual stableford, e terá cinco xornadas entre o 8 de febreiro e o 12 de abril, ademais dunha final o 19 de abril.

A proposta nace coa idea de facilitar a iniciación ao golf, especialmente para alumnado que está a dar os primeiros pasos, xa que o formato pitch and putt céntrase no xogo curto e permite aprender situacións reais de campo cun percorrido máis asumible. A liga está aberta a alumnos, socios e á asociación Mulleres Golf Miño, e programouse para os domingos pola tarde co obxectivo de non interferir coa actividade habitual do club.

Como antesala, o club celebrará unha xornada de portas abertas o sábado 31 de xaneiro, de 17.00 a 19.00 horas, con sesións gratuítas e material incluído para persoas sen experiencia que queiran ter un primeiro contacto co golf (desde golpeo longo ata xogo curto). Ademais, quen decida matricularse poderá acceder a unha promoción con un mes de iniciación gratis durante febreiro, segundo a información difundida polo propio club.

⚙ Configurar cookies
0.087888956069946