Miño aposta polas letras cun novo ciclo cultural

ACoruñaXa
A vila coruñesa presenta un ciclo literario con Conversas EnCamiño, Letras Achegadas e actividades no rural como eixo central da iniciativa
Imaxe do Concello de Miño
26 Nov 2024

A Biblioteca Municipal Concepción Arenal acolle o novo ciclo Miño Cultural, co que a vila coruñesa aspira a converterse nunha referencia literaria durante os meses máis fríos do ano. O programa estrutúrase en tres bloques principais e contará con nomes destacados das letras galegas e españolas, así como con novos talentos locais.

O primeiro bloque, Conversas EnCamiño, inaugurouse o pasado mércores 20 de novembro coa escritora Marta Estévez, finalista do Premio Planeta e autora de La Tercera Orilla. En decembro (día 11) será a quenda de Antía Yáñez, mentres que en xaneiro será Francisco Narla quen peche esta fase inicial. Estas actividades serán o preludio da gran cita do ano: a Feira da Cultura EnCamiño, prevista para os días 18, 19 e 20 de xullo.

O segundo bloque, Letras Achegadas, dará visibilidade a autores locais ou vinculados con Miño, axudando a promocionar novos talentos. Escritores como Vicky Losada ou María Jesús Campelo xa participaron nesta iniciativa que busca fomentar a canteira literaria da comarca.

O terceiro bloque, Conversas no Rural, trasladará os actos culturais ás parroquias como Ponte do Porco, Perbes e Callobre, cunha programación que arrancará na primavera. Estas actividades buscarán fusionar grandes nomes das letras con fermosos escenarios naturais.

Ademais, engadiranse eventos puntuais en colaboración con outras entidades. Un exemplo é a charla que ofrecerá Bertol Arrieta o xoves 28 de novembro ás 19:00 horas, centrada na novela gráfica baixo o título “La novela gráfica: el arte de la elipsis”.

A iniciativa está promovida polo Concello de Miño e Miño Cultural, consolidándose como un proxecto clave para espallar a literatura e a cultura pola vila e a súa bisbarra.

0.1599600315094