Miño anuncia os IV Premios do Deporte para recoñecer o talento deportivo local

O Concello de Miño anunciou a convocatoria dos IV Premios do Deporte, unha iniciativa coa que se busca recoñecer o esforzo, a entrega e o mérito de deportistas, clubs e asociacións do municipio que destacaran durante a tempada 2024-2025. O evento de entrega dos galardóns celebrarase o venres 16 de xaneiro ás 20.00 horas no Local Social da Rúa.
Os premios, que non teñen dotación económica, consisten nun galardón conmemorativo que simboliza o labor e a dedicación das persoas e entidades recoñecidas. O principal obxectivo é poñer en valor os logros deportivos e fomentar entre a veciñanza valores como disciplina, superación e compañeirismo.
As categorías son: mellor equipo masculino e feminino, mellor deportista promesa, mellor deportista masculino e feminina, traxectoria, mellor adestrador, mellor evento deportivo, deportividade e valores deportivos, mellor club e mencións especiais.
As candidaturas puideron presentarse entre o 14 de outubro e o 3 de novembro de 2025 no Rexistro Xeral do Concello, mediante o formulario normalizado da sede electrónica.
A selección das persoas e entidades premiadas correrá a cargo dunha comisión formada polo concelleiro de Deportes (sen voto), dous representantes municipais e unha figura de prestixio do deporte allea ao municipio. Teranse en conta os logros acadados, o seu mérito e a proxección do nome de Miño fóra do concello.
O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo salientou que estes premios 'serven para poñer en valor o traballo diario de todas as persoas que manteñen vivo o espírito deportivo en Miño'.