Miño alcanza un novo récord de poboación e lidera o crecemento na provincia

ACoruñaXa
Na última actualización do Padrón provincial figura que conta con 7.108 veciños e veciñas a 1 de xaneiro de 2025
Imaxe do Concello de Miño
21 Mar 2025

O Concello de Miño continúa a súa imparable senda de crecemento poboacional, acollendo un número record de residentes na última actualización do Padrón provincial, con 7.108 veciños e veciñas a 1 de xaneiro de 2025. Esta cifra marca un novo fito na historia do municipio, que segue a atraer persoas de distintos puntos da comarca e de fóra, contribuíndo ao seu continuo desenvolvemento.

Non só Miño aumenta en poboación, senón que o fai ao ritmo máis elevado de toda a provincia da Coruña. Nos últimos cinco anos, o censo aumentou un 13 %, o que se traduce en 831 novos residentes con respecto á mesma data de 2021. Ningún outro concello coruñés se achega a este crecemento, superando amplamente o 10 % en incremento poboacional.

Outro dato salientable é a estrutura demográfica do municipio. Un de cada tres residentes en Miño é menor de 41 anos, mentres que só un de cada catro ten máis de 65 anos. A diferenza doutros concellos galegos, en Miño apenas hai 500 persoas maiores de 65 anos máis que menores de 18, polo que o problema do envellecemento non é tan preocupante como noutras localidades. Este feito reflicte tamén na demanda de prazas escolares, como no CPI Castro Baxoi, que xa supera os 600 alumnos.

O crecemento poboacional de Miño débese, principalmente, á súa atracción para as persoas doutras localidades da comarca. A maioría dos novos residentes proceden de concellos cercanos, atraídos pola súa calidade de vida e os servizos públicos dispoñibles. A nivel inmobiliario, o concello tamén goza de boa saúde, con varios proxectos en marcha que permiten seguir a construción de vivendas.

Outro factor clave é a localización privilexiada de Miño, que combina atractivos naturais como rutas de sendeirismo e excelentes praias, coa súa proximidade a cidades e vilas importantes, ademais dunha boa rede de comunicacións.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, salientou que "os datos de crecemento poboacional confirman que Miño é un municipio dinámico, cun gran atractivo para novas familias e persoas que buscan calidade de vida. Estamos orgullosos de ver como o noso concello segue sumando veciños ano tras ano, consolidándose como un dos lugares con maior proxección da provincia. Isto non é casualidade, senón o resultado dun compromiso decidido por mellorar os servizos públicos, as infraestruturas e a oferta educativa, deportiva e cultural para todas as idades."

"Seguiremos traballando co mesmo compromiso para garantir que este crecemento sexa sostible e beneficioso para toda a cidadanía. Contamos con proxectos en marcha para ampliar e mellorar equipamentos, ademais de novas promocións de vivenda que permitirán seguir a acoller a quen elixe Miño para desenvolver o seu proxecto de vida. Que o noso censo alcance un récord histórico motívanos aínda máis a seguir construíndo un municipio moderno, próspero e con oportunidades para todos e todas", concluíu o rexedor.

⚙ Configurar cookies
0.17707991600037