Miño activa a contratación de persoal para o servizo de limpeza dos baños das praias

O Concello de Miño segue avanzando nos preparativos da tempada estival co obxectivo de garantir un servizo de calidade nos seus areais. Este venres, 23 de maio, o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou as bases do proceso selectivo para incorporar dúas persoas que desempeñarán tarefas de condución e limpeza nos baños das praias do municipio.
O servizo abranguerá os aseos das praias Grande, Ribeira e Perbes e terá unha duración de tres meses e dous días, cunha previsión de inicio o 14 de xuño e remate o 15 de setembro. O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro venres 30 de maio.
As persoas interesadas poden consultar as bases completas e descargar a folla de inscrición a través da páxina web oficial do Concello. Esta contratación forma parte do dispositivo especial de verán que o Concello está a activar para reforzar os servizos nas zonas costeiras e garantir o benestar de veciñanza e visitantes durante os meses de maior afluencia.