Miño acollerá o novo libro de Aurora Marco sobre a mestra represaliada María Vázquez

ACoruñaXa
A presentación será o mércores 12 de novembro ás 20.00 horas na Biblioteca Municipal Concepción Arenal, nun acto con Pilar Cagiao, Henrique Alvarellos e conducido pola concelleira de Cultura, Catalina Morado
MIÑO presentacion maria vazquez
10 Nov 2025

A profesora, ensaísta e historiadora Aurora Marco presentará en Miño o seu volume máis recente, 'María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo', publicado o pasado agosto. A obra reconstrúe a traxectoria e o legado de María Vázquez Suárez, pioneira da docencia e da política galega, asasinada en 1936.

A cita será o mércores 12 de novembro ás 20.00 horas na Biblioteca Municipal Concepción Arenal. No acto participarán a propia autora, a historiadora Pilar Cagiao e o editor de Alvarellos Editora, Henrique Alvarellos. A sesión estará moderada pola concelleira de Cultura e Educación, Catalina Morado.

Miño figura como parada destacada desta xira pola estreita ligazón de María Vázquez co municipio, onde residiu varios anos e onde perdeu a vida en 1936. Durante o encontro, as persoas asistentes poderán coñecer de primeira man o proceso de investigación e escrita do libro e escoitar as achegas das voces que acompañaron o proxecto.

Nacida en Santiago de Compostela en 1894 e formada na Escola Normal da Coruña, María Vázquez salientou pola defensa da educación das mulleres e pola renovación pedagóxica. Ademais da súa tarefa docente, foi cofundadora da agrupación socialista de Miño en 1933, integrou o comité directivo do PSOE de Pontedeume e militou activamente na UGT, coa participación en mitins e conferencias que a converteron nun referente do socialismo galego. O seu recordo perviviu en Miño a través das súas antigas alumnas e das seguintes xeracións, que a evocan como unha mestra e política adiantada ao seu tempo.

⚙ Configurar cookies
0.070805072784424