Miño acolle unha nova edición de 'Primavera no Camiño Inglés' cunha xornada para toda a familia

ACoruñaXa
Unha iniciativa para poñer en valor o patrimonio e a vitalidade das localidades polas que discorre o itinerario xacobeo
minho-caminho-ingles
26 May 2025

O parque da Rúa, en Miño, será o escenario dunha nova edición de Primavera no Camiño Inglés o vindeiro sábado 31 de maio. A cita desenvolverase entre as 11.00 e as 20.00 horas e ofrecerá unha ampla programación de actividades pensadas para todos os públicos. Volverá reunir aos dezaoito concellos polos que discorreo o itinerario xacobeo.

O evento foi presentado polo alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, e o presidente de honra da Asociación Camiño Inglés, Manuel Mirás Franqueira. Ambos destacaron a importancia desta iniciativa para dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio e a vitalidade das localidades polas que discorre o histórico itinerario xacobeo.

Organizada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e RedStelar, coa colaboración do Concello de Miño e da Deputación da Coruña, a xornada contará con propostas gastronómicas e culturais, un mercado de artesanía e obradoiros infantís que animarán o recinto ao longo de todo o día.

Unha gran carpa instalada no recinto acollerá 18 stands nos que concellos como Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago —ademais da propia Deputación da Coruña— amosarán a súa oferta turística cunha ampla programación de actividades.

A xornada dará comezo ás 12.30 horas coa inauguración oficial, na que participarán representantes institucionais dos distintos concellos, acompañados pola música tradicional das gaitas da Escola Municipal de Música de Abegondo.

Ao longo da mañá, os asistentes poderán gozar de degustacións de produtos locais como os queixos e requeixos de Campo Capela ou a empanada, pan e proia da panadería La Nueva de Neda. Tamén estará operativo durante todo o día un gastrobar a cargo do restaurante A Artesa da Moza Crecha, de Betanzos, que ofrecerá unha selección de pratos elaborados con ingredientes de proximidade.

A partir das 18.00 horas, a programación continuará coa realización de showcookings protagonizados polo restaurante Brasa de Beche, de Abegondo, onde se prepararán receitas con produtos típicos da contorna.

Pola tarde, desde as 16.00 horas, o público poderá gozar do espectáculo de humor e improvisación “Impro no Camiño”, asistir á entrega de premios do V Concurso de Fotografía do Camiño Inglés ou participar na presentación do libro 'Relacións históricas galaico-británicas: o Camiño Inglés a Santiago', de Noelia Cacheiro e Cristóbal Ramírez, cronista oficial do itinerario xacobeo.

Os máis pequenos tamén terán o seu espazo, con propostas como unha ludoteca, obradoiros de circo e unha actividade específica na que aprenderán a facer pan de Neda. A xornada pecharase coa actuación musical do grupo Arnela, do Concello de Miño, poñendo o broche final a un día cheo de cultura, gastronomía e promoción turística arredor do Camiño Inglés.

 

 

 

⚙ Configurar cookies
0.16553497314453