Miño abre o certame de cabazas do Samaín 2025

ACoruñaXa
As creacións exporanse na Fraga do Xarío do 24 de outubro ao 3 de novembro e haberá premios ás máis orixinais, terroríficas e divertidas
MIÑO expo calabazas
21 Oct 2025

O Concello de Miño abre o prazo para participar no certame de cabazas do Samaín, dirixido ás persoas residentes no municipio. Cada participante —persoa ou unidade familiar— poderá presentar unha única cabaza. A inscrición realizarase do 20 ao 24 de outubro, de forma presencial no Concello ou por correo electrónico a cultura.deportes@concellodemino.gal, indicando no asunto 'Cabazas' e achegando nome, apelidos e teléfono de contacto.

A entrega das pezas farase o 24 de outubro na Fraga do Xarío, onde permanecerán expostas ata o 3 de novembro nun espazo natural ao aire libre. Establécense tres categorías de recoñecemento: máis orixinal, máis terrorífica e máis divertida. A partir do 3 de novembro, as persoas participantes poderán recoller as súas creacións.

A organización lembra que non está permitido empregar ningún tipo de candela nin iluminación que implique chama, natural ou artificial, por razóns de seguridade. A gala de premios celebrarase o 31 de outubro, ás 21.30 horas, na carpa situada na rúa Xacedos, en Costa Miño. En caso de non recoller o agasallo na data e hora sinaladas, pasará automaticamente á seguinte cabaza seleccionada. O Concello anima a toda a veciñanza a encher Miño de imaxinación e espírito de Samaín.

⚙ Configurar cookies
0.070769071578979