Miño abre as últimas prazas do segundo cuadrimestre nas actividades culturais e deportivas municipais

O Concello de Miño anunciou que o segundo cuadrimestre das actividades culturais e deportivas municipais está a piques de comezar e que aínda quedan algunhas prazas dispoñibles.
No eido cultural, a dispoñibilidade céntrase en grupos para persoas adultas en actividades como palillos, laboratorio teatral, bailes de salón (iniciación e perfeccionamento), Clube de Lectura EnCamiño, inglés, Memoria en Xarío, Escola Canina e Mestras da Costura, neste caso no grupo dos luns de 19.00 a 21.00 horas.
En canto á programación deportiva, quedan ocos para persoas adultas en zumba e, para a cativada, en fútbol sala, tenis grupo 1 (nados entre 2016 e 2019), biciescola, baloncesto e ximnasia rítmica.
As solicitudes poden presentarse no Rexistro do Concello, de xeito presencial ou por vía telemática, empregando os sistemas de identificación admitidos pola sede electrónica. O Concello lembra tamén que as taxas non se aboan ata que o servizo confirme a praza e que o pago se realiza preferentemente por medios telemáticos.
As tarifas dos servizos culturais e deportivos establécense por cuadrimestre: de 3 a 18 anos, 42,35 euros; de 19 a 59 anos, 53,13 euros; e de 60 anos en diante, 40,04 euros. No caso do autobús de natación, o prezo é de 21,56 euros por cuadrimestre. Tamén se contemplan bonificacións familiares: un 25% se se matriculan dous irmáns e un 50% no caso de tres irmáns.