Milleiros de persoas celebraron o Día do Deporte na Rúa con máis de 60 actividades entre Riazor e o Orzán
Onte, domingo 30 de xuño, celebrouse na Coruña o o XXXVII Día do Deporte na Rúa, a gran festa anual do deporte coruñés. Ao longo da mañá, milleiros de persoas participaron nas actividades previstas, organizadas de forma conxunta entre o Concello e máis de 80 entidades deportivas e sociais da cidade.
O concelleiro de deportes, Manuel Vázquez, quixo poñer en valor precisamente este traballo de colaboración entre o Goberno local e o tecido asociativo, "que dá os seus froitos en xornadas como a de hoxe, na que a cidadanía disfrutou de máis de 60 disciplinas deportivas, achegando tanto a adultos como a pequenos a deportes como a escalada, a marcha nórdica, entre moitos outros".
Ao igual que en edicións anteriores, o Día do Deporte na Rúa desenvolveuse ao aire libre, en espazos habilitados entre Riazor e o Orzán. Entre as 11.00 e 14.00 horas, puntos como a explanada do Palacio dos Deportes e a rúa Manuel Murguía foron o punto de encontro de persoas de todas a idades, que participaron nos xogos e actividades ofertadas.
O concelleiro tamén destacou a importancia que ten o Día do Deporte na Rúa "á hora de visibilizar o traballo dos clubs e entidades da cidade", dando a coñecer moitas disciplinas deportivas "que anteriormente tiñan menos tradición na cidade ou quizais eran consideradas minoritarias, e, co paso do tempo, foron gañando seguidores, socios e aficionados".