Miles de persoas enchen a primeira edición de O Burgo Fest no paseo marítimo de Culleredo

O Burgo Fest debutou cun cheo absoluto na explanada do paseo marítimo, onde miles de asistentes deron a benvida a esta nova cita musical impulsada coa colaboración do Concello de Culleredo. O festival, de acceso libre, reuniu público chegado de distintos puntos da comarca e tivo un marcado carácter xuvenil, cunha posta en escena pensada para bailar e gozar ao aire libre.
A proposta estendeuse ata preto das tres da madrugada cun escenario asinado por Impacto Disco Móbil e un cartel con seis nomes que fixeron vibrar á explanada: Kike Varela, Nyan Boe, DJ Sonic, D. Bermúdez, Toni Seijas e Marcos Magán. Ao longo da noite soaron reguetón, música urbana, electrónica, trap e ritmos latinos, nunha mestura deseñada para atraer perfís diversos e manter a enerxía en alto durante horas.
Ademais da oferta musical, o evento completouse cun servizo de cantina operativo durante as actuacións, que contribuíu a dinamizar a contorna e a crear un ambiente festivo e seguro. A boa acollida confirma o potencial de O Burgo Fest como nova referencia do calendario de lecer de Culleredo e abre a porta a futuras edicións no paseo marítimo.