Miguel Lorenzo (PP) denuncia o incumprimento da normativa de reciclaxe na planta de Nostián

ACoruñaXa
O portavoz do grupo popular tamén destacou que a planta de Nostián leva sen contrato dende 2020
Miguel Lorenzo, PP A Coruña
21 Feb 2025

O portavoz do Partido Popular, Miguel Lorenzo, criticou a xestión da planta de tratamento de Nostián, asegurando que "cada vez se nos cobra máis polo recibo do lixo para que Nostián incumpla máis a normativa de reciclaxe". Lorenzo lamentou que a planta nunca cumprira a normativa ambiental, sinalando que na actualidade se envía ao vertedoiro o 50 % do lixo recollido e que a situación non mellorará co novo contrato, que supón un gasto de 332 millóns de euros.

O popular tamén destacou que a instalación do quinto contedor, que debía estar nas rúas desde hai tempo, segue sen implementarse. "Cada vez nos cobran máis para que a planta de Nostián incumpla máis a normativa e, ademais, non sabemos nada da instalación do quinto contedor", manifestou Lorenzo.

En relación ao novo contrato de xestión da basura, o portavoz do PP afirmou que, ao igual que na situación actual, "Nostián non cumprirá a normativa, pois seguirá enviando ao vertedoiro máis lixo do que esixe a lexislación europea e non recuperará o que está indicado, pouco máis do 30 %, cando a norma require máis do 60 %".

Lorenzo tamén puxo de manifesto que a planta de Nostián leva sen contrato dende 2020 e que a recollida de lixo se realiza sen contrato desde 2017. No seu conxunto, segundo indica o popular, o Goberno local pagou máis de 100 millóns de euros en facturas irregulares. A crítica tamén se estendeu á falta de investimentos nas instalacións e o uso de maquinaria obsoleta, que dificulta a reciclaxe de residuos. "O comité de empresa indica que as instalacións van de mal en peor por falta de investimentos e cunha maquinaria que xa non é adecuada para o proceso", rematou Lorenzo.

0.18103790283203