Miguel Lorenzo critica a falta de capacidade de gobernar de Inés Rey tras a retirada da confianza

O portavoz do Grupo Popular, Miguel Lorenzo, tras o Pleno no que se retirou a confianza á alcaldesa, destacou que “seguimos tendo o de sempre: unha alcaldesa que está todo o día a falar dos seus grandes proxectos, pero no día a día dos cidadáns, eses grandes proxectos non inflúen. Está a falar dos seus grandes proxectos, pero non son capaces de levalos a cabo, só falan de anuncios, e está sempre a falar dos seus grandes proxectos e esquece os barrios”, afirmou Miguel Lorenzo.
O portavoz popular subliñou que o gran problema non é tanto se hai ou non orzamento, senón que ese orzamento se execute correctamente. “O goberno non é capaz de cumprir nin cos seus propios acordos. Porque o que si demostrou este goberno é a súa ineficacia para gobernar esta cidade, que non se goberna a golpe de anuncios, iso pode durar uns meses. O que se necesita é gobernar a golpe de realidades, e esas realidades os cidadáns non as aprecian a día de hoxe”, sinalou.
Lorenzo tamén criticou a xestión do orzamento municipal, que tiña que estar aprobado para entrar en vigor o 1 de xaneiro, algo que é responsabilidade da alcaldesa, pero que non se levou ao Pleno ata o 6 de febreiro. “Non entraron en vigor no tempo e forma establecidos porque non foi capaz de negociar con ningunha das forzas políticas, nin sequera cos seus socios de investidura, o BNG”, afirmou.
O portavoz do PP tamén se referiu á situación tras a retirada da confianza á alcaldesa, asegurando que “agora todos sabemos que non se vai presentar unha moción de censura, porque o BNG pon a súa ideoloxía por encima dos intereses da cidade. Despois de toda a crítica que fixo o señor Jorquera, vai seguir apoiando esta forma de gobernar?”, preguntou Miguel Lorenzo.