Miguel Iglesias, adestrador do Judo Club Culleredo: “Nalgúns colexios temos ata lista de agarda”

ACoruñaXa
O adestrador combina as súas madrugadas de traballo coa formación de mozos judocas, consolidando o éxito do club no municipio de Culleredo
De esquerda a dereita Bruno Calvo, Sara Piñeiro e Xesús Patiño .Abaixo Miguel Mandariño
De esquerda á dereita Bruno Calvo, Sara Piñeiro e Xesús Patiño. Abaixo, Miguel Mandariño (cedida)
17 Nov 2024

Miriam García

A vida de Miguel Iglesias sempre xirou arredor do judo, primeiro como judoca e agora como adestrador do Judo Club Culleredo. A súa labor céntrase en impartir clases de actividades extraescolares nos colexios públicos do municipio, así como en continuar a formación daqueles que, ao finalizar a primaria, deciden seguir practicando o deporte. “Considérome un traballador; traballo de madrugada desde as 12 ata as 7 da mañá e, pola tarde, dou clases de judo desde as tres e media ata as 9 da noite”.

O Judo Club Culleredo adestra cinco días á semana, tres deles (luns, martes e xoves) no pavillón do colexio Sofía Casanova, e os outros dous restantes (mércores e venres) no pavillón do colexio Calasanz en A Coruña. Falamos con Miguel para coñecer máis sobre o club que acompañou a infancia de moitos cativos do municipio coruñés.

- Miguel, como botou a andar o Judo Club Culleredo? 

O club ten xa unha traxectoria considerable, aínda que nos seus inicios tiña un enfoque máis de afeccionado. Levo dando clases de judo en dous colexios de Culleredo desde hai bastante tempo: no Sofía Casanova, onde xa son 19 anos, e no Ría do Burgo, onde levo 16 anos. Antes, cando os nenos pasaban a secundaria, xa non tiñan judo no instituto, e moitos debían ir a Cambre ou a algún club de A Coruña para seguir, ou simplemente deixaban o deporte. Por iso, fai uns 12 anos decidín liderar o Judo Club Culleredo para ofrecer continuidade a eses rapaces na etapa de instituto. Aínda que o club está aberto a todos, o noso obxectivo principal é que os mozos de aquí poidan seguir facendo judo sen ter que desplazarse de municipio.

- Cantos rapaces participan actualmente? 

Todos os colexios nos que impartimos clases en Culleredo están baixo o Judo Club Culleredo, que inclúe o CEIP Ría do Burgo, o CEIP Sofía Casanova, o IES Rego Trabe e o CEIP Tarrio. En total, temos entre 200 e 240 alumnos. Só entre Ría do Burgo e Sofía Casanova, que son os que xestiono directamente eu, xunto co grupo de maiores, suman 90 rapaces. No Ría do Burgo, a participación é altísima, con dous grupos de 30 e 26 nenos, respectivamente; de feito, levo traballando alí máis tempo que moitos dos seus profesores.

- Cres que hai un interese especial polo judo en Culleredo?

Non sei se se trata dun fenómeno especial, pero no Ría do Burgo teño lista de agarda. O noso grupo de 30 nenos é o límite permitido, e poderíamos ter máis se tivésemos máis horas. Sinto que recibo moito apoio tanto por parte dos pais como dos alumnos dos colexios nos que dou clase. Sempre trato de ensinar o judo como me gustaría que o fixesen cos meus propios fillos, e creo que esa dedicación se recoñece. Ao final, eses resultados nótanse.

- Hai moitas nenas no club?

No grupo de maiores, arredor do 20% son chicas, unha cifra que mantemos relativamente estable. Con todo, nos colexios teño un número notable de nenas. De feito, na categoría de Alevín (5º e 6º de primaria), estou considerando formar un equipo só de nenas porque hai bastantes. A Federación Galega de Judo estima que ao terminar a primaria, o 80% dos nenos abandonan o deporte, independentemente do seu sexo. Con todo, no noso caso, o 80% segue connosco. A existencia do club é unha proba desa continuidade, especialmente grazas á participación dos colexios Ría do Burgo e Sofía Casanova.

- Que obxectivos vos marcades para esta tempada?

Os nosos adestramentos están orientados á competición, pero respectamos os diferentes enfoques dos nosos deportistas: algúns desfrutan competindo e outros prefiren practicar judo sen esa presión. Ambos perfís son igualmente válidos, así que propoñemos unha clase esixente na que cada un se marca o seu propio nivel de compromiso. En canto á competición, aínda que somos poucos, contamos con atletas destacados como Fabián Fernández, que ocupa o terceiro posto no ranking nacional Cadete, e Bruno Calvo, primeiro no ranking nacional Junior. Ademais, na categoría Absoluta temos a Xesús Patiño, que foi líder do ranking Junior. Con eles, aspiramos a gañar unha medalla nacional, e co resto, queremos seguir mellorando paso a paso para seguir crecendo.

- Como percibes a situación do judo en Culleredo e arredores en comparación con outros deportes?

En comparación con deportes como o fútbol e o balonmán, o judo non ten tanta popularidade no municipio. Isto tradúcese en menos facilidades por parte do Concello para acceder a máis espazos e horas de adestramento. Con todo, nos colexios hai unha boa cantidade de nenos que practican judo e que realmente se senten atraídos polo deporte.

- Levades a cabo iniciativas en Culleredo para darvos a coñecer?

Neste momento, non podemos promover actividades debido á falta de instalacións. Con todo, estamos impartindo sesións de judo nas clases de Educación Física dos colexios nos que estamos presentes. Unha vez logremos obter máis instalacións, poderemos ampliar a nosa oferta e dar clases a máis nenos.

- Que dirías a un rapaz ou rapaza que está considerando probar o judo con nós?

Animaríaos a vir e probalo. Nas nosas clases intentamos crear un ambiente agradable e divertido, onde os nenos se sintan a gusto e desfruten mentres aprenden. A mellor maneira de coñecer o judo é experimentalo directamente!

- Para rematar, queres facer algunha reivindicación en nome do club?

Quixera aproveitar a oportunidade para agradecer ao noso presidente, Antonio Yáñez, todo o que fai por nós. Sen o seu apoio, o Judo Club Culleredo non sería posible. O seu compromiso ao proporcionarnos material e buscar alternativas para adestrar, especialmente en situacións onde non podemos facelo en Culleredo, é fundamental para o crecemento e desenvolvemento do club.

 

0.19090795516968