Migallas Teatro leva a Vilarmaior o espectáculo familiar 'Pegadas de Castelao'

O Concello de Vilarmaior acollerá este venres 28 de novembro o espectáculo teatral 'Pegadas de Castelao', unha proposta de Migallas Teatro dirixida a todos os públicos a partir de 5 anos. A función desenvolverase na Casa da Cultura, a partir das 17.00 horas, con entrada libre ata completar aforo.
'Pegadas de Castelao' nace co obxectivo de achegar dun xeito ameno e divertido a figura e a obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, lembrando as súas múltiples facetas como escritor, artista plástico, humorista gráfico e promotor cultural. Sobre o escenario mestúranse monicreques de silueta, monicreques de luva e cabezudos inspirados nos debuxos do propio Castelao, xunto con teatro de actor e narración oral, para recrear personaxes e escenas recoñecibles do seu imaxinario.
A montaxe complétase con música e cantigas populares vencelladas á vida e á obra do autor rianxeiro, convidando o público infantil e adulto a cantar, participar e descubrir as pegadas que Castelao deixou na cultura galega. A compañía Migallas Teatro, con longa traxectoria no teatro familiar e premiada co Xoán Manuel Pintos ao compromiso coa lingua, chega a Vilarmaior da man da Deputación da Coruña, dentro do programa de difusión cultural 'O galego, a miña lingua', co apoio do Concello.
Dende o goberno local animan ás familias do municipio e da contorna a achegarse á Casa da Cultura para desfrutar dunha tarde de teatro en galego pensada para pequenos e maiores, e para seguir poñendo en valor a figura de Castelao nun ano de intensa programación arredor da súa memoria.